Asetem-Cca impartirá nas próximas semanas un curso de benestar animal e outro de manipulación de alimentos’, ‘A patronal melidense decidiu poñer en marcha estas dúas accións formativas ante o elevado número de peticións formuladas polos profesionais do sector agrario e hostaleiro da comarca.
A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) está a organizar un novo curso de formación sobre benestar animal. Impartirase na sede da patronal melidense e comezará o día 11 de marzo para rematar xusto antes da Semana Santa. Terá unha duración de 20 horas.
O curso consta de dous módulos diferentes: un dirixido ao persoal que traballa en granxas e outro destinado aos transportistas de gando e aos coidadores de animais. No primeiro caso, o módulo específico para traballadores de granxas formará ao alumnos nos requisitos básicos para garantir a seguridade e o benestar dos animais nas explotacións gandeiras. No que se refire ao módulo para condutores e coidadores, centrarase en formar aos asistentes sobre o manexo e o transporte de animais vivos, abordando o proceso de carga, descarga e condución.
Os alumnos recibirán 10 horas de formación xeral e outras 10 horas de formación específica para cada un dos módulos. As clases impartiranse de luns a venres entre as 9 menos cuarto e as 11 e cuarto da noite.
Hai só 15 prazas dispoñibles, polo que as persoas interesadas en realizar o curso deben inscribirse canto antes nas oficinas de Asetem-Cca ou chamando ao teléfono 981 50 61 88.
Curso manipulador de alimentos
Por outra banda, a asociación de empresarios realizará tamén no mes de marzo un curso para a obtención do carné manipulador de alimentos. Xa hai inscritos varios alumnos, polo que se fará en canto se anoten catro ou cinco persoas máis. O curso, cunha duración de 4 horas, impartirase nunha soa xornada en horario de tarde. As persoas interesadas en asistir deben comunicalo na menor brevidade posible.