Ordenadores de segunda man con software libre a disposición dos socios’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) e a Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide (Melisa) asinarán un convenio de colaboración a mediados do mes de xuño que permitirá recuperar ordenadores obsoletos para poñelos ao servizo de empresas e usuarios que os precisen para a súa actividade diaria. Con esta iniciativa ámbalas dúas entidades pretenden facilitar o acceso ás novas tecnoloxías ao tempo que buscan darlle difusión ao software libre en diferentes ámbitos da comarca. ‘, ‘O proxecto consiste en recoller equipos informáticos vellos ou que xa quedaran desfasados para amañalos, actualizalos e poñelos a disposición de empresas ou asociacións que os necesiten. Está aberto á colaboración de calquera tipo de entidade da comarca: tanto negocios como asociacións, cooperativas, fábricas ou particulares poderán doar de xeito voluntario os equipos que xa non utilizan. O punto de recollida será a sede de Asetem, na rúa Lino Sexto Sánchez. Á marxe dos ordenadores tamén se poderán entregar dispositivos soltos como monitores, teclados, lectores de cd´s, fax, ou ratos que estean en desuso na oficina ou na casa e que sexan aptos para a reciclaxe. Unha vez entregados, Melisa encargarase de revisar os equipos e de arranxar todos os compoñentes que sexa preciso para poñelos de novo en funcionamento. Estas tarefas tamén incluirán a instalación dun sistema operativo libre e incluso dalgunhas aplicacións informáticas que sexan de utilidade para o novo usuario. Os equipos reparados quedarán á espera de que alguén os solicite, algo que poderá facerse poñéndose en contacto con Asetem ou con Melisa. Estarán dispoñibles para un amplo abano de supostos pero no caso de existir unha alta demanda e un stock reducido, os socios de Asetem terán prioridade, xa que un dos obxectivos do convenio é evitar que a falta de soportes informáticos obstaculice o desenvolvemento empresarial da comarca. Poderán facer a súa solicitude dende autónomos que se queren dar de alta e precisan un ordenador para comezar a actividade ata pequenas empresas que desexan montar unha oficina, pasando por asociacións que precisen un equipo para as súas xestións. A solicitude estará tamén aberta para empresas que queiran experimentar co software libre e incluso para familias que necesiten un ordenador e teñan serias dificultades para mercalo. Do mesmo xeito, Melisa prevé ceder algún portátil aos colexios de primaria de Melide para que o profesorado se familiarice co sistema operativo libre. Os equipos non serán regalados, senón cedidos temporalmente. O tempo da cesión non é fixo e dependerá das necesidades do usuario. Malia que o convenio será asinado formalmente nos próximos días, xa están dispoñibles para quen estea interesado dous ordenadores portátiles e outros dous de sobremesa.