Asetem acollerá no mes de abril un curso de “Habilidades Directivas”’, ‘A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) en colaboración con Asetem-Cca está a organizar en Melide un curso de “Habilidades Directivas”. Impartirase nas instalacións da patronal melidense e terá unha duración de 45 horas, sendo 40 presenciais e as 5 restantes de teleformación.

O curso desenvolverase entre o 8 de abril e o 14 de maio, con clases en horario de 8 e media a 10 e media da noite, de luns a venres. O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poden anotarse a través de tres vías diferentes:

– Na páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña: www.cec.es

– Chamando ao teléfono 902 300 981.

– Acudindo ás oficinas de Asetem-Cca.

A formación divídese en cinco módulos diferentes que lle permitirán ao alumnado aprender a liderar equipos de traballo con eficacia aplicando diferentes técnicas de motivación e organización.

No primeiro dos módulos ensinaráselles aos asistentes a xestionar mellor o tempo e daránselle pautas de organización e planificación que lles permitan ser máis eficaces. No segundo módulo abordaranse o comportamento que debe ter un líder e trataranse os valores que se deben aplicar dende a dirección. O módulo tres serviralle ao alumnado para aprender a comunicar mellor as súas ideas, propostas e decisións. Traballarase coa voz e os compoñentes non verbais da comunicación. O cuarto dos módulos centrarase na xestión dos conflitos. Inclúe unha metodoloxía que axudará a identificar e resolver os problemas cotiáns dunha empresa. Por último, o módulo 5 tratará a formación para a igualdade.

Este curso de “Habilidades Directivas” vai dirixido prioritariamente a traballadores en activo. O seu desenvolvemento está subvencionado ao 100% pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Fondo Social Europeo.