A Ruta de tapas premia a mestura de tradicións culinarias de Casa Quinzán’, ‘O Sapo Lambón, Adega O Mandil e A Boa Viña tamén son recoñecidos pola clientela
Semella non ter rival no que a elaboración de tapas se refire: Casa Quinzán repite un ano máis no podio e obtén desta volta o premio á mellor tapa da ruta gastronómica polos bares de Melide que cada mes de xuño organiza Asetem-Cca dende hai catro anos.
Os votos dos clientes e o criterio profesional de Manuel Ángel Garea, de Pastelería Trisquel, escolleron o “Mini Criollo Caseiro” de Casa Quinzán como a mellor das 18 propostas presentadas a concurso, convertendo este local da Rúa do Convento no único que obtivo premio en todas e cada unha das edicións da Ruta de tapas celebradas ata agora.
Boa parte do mérito recae en Nicolás Martínez, cociñeiro do restaurante e creador dunha tapa na que intentou “fusionar diferentes tradiciones culinarias”, algo para o que empregou “criollo argentino, berenjena mediterránea y queso gallego”. A isto engadíuselle rúcula crocante para crear no padal un efecto de contraste coa crema do queixo. É, segundo o seu creador, “una tapa trabajosa, tanto en la elaboración como en el montaje”.
O responsable de Casa Quinzán, Mariano Rivas, expresou o seu agradecemento polo premio concedido e referiuse á influencia que teñen iniciativas como a Ruta de tapas na dinamización da hostalería melidá. Como exemplo, destacou que no primeiro día de concurso esgotaron as 180 tapas que tiñan preparadas en pouco máis de dúas horas.
Á marxe da mellor tampa, tamén se repartiron premios noutras tres categorías. Os ganadores foron O Mandil, O Sapo Lambón e A Boa Viña
TAPA CON PRODUTOS GALEGOS – O MANDIL
Polbo, chipirón e gamba feitos á grella, con allada e sal. Unha combinación atinada e unha correcta elaboración valéronlle á adega O Mandil o premio á mellor tapa con produtos galegos, neste caso obtidos todos eles do mar. É o terceiro galardón que recibe este establecemento rexentado por Jesús Segade, quen comenta sobre a tapa que “parece sinxela pero dá traballo porque hai que facela no momento e tense que servir quente”.
Asegura que o seu espeto mariñeiro “gustou moito” e considera “importante” recibir un premio por segundo ano consecutivo. Ao seu xuízo unha boa tapa debe reunir dous requisitos fundamentais; ter bos produtos e estar ben cociñada: “Se tes boa materia prima e non a sabes cociñar, non vale de nada. Se cociñas moi ben e os produtos son malos, estás na mesma”.
TAPA INNOVADORA – O SAPO LAMBÓN
A Tosta Lambona elaborada polo Sapo Lambón é unha tapa aparentemente sinxela que agocha un universo de sabores. Creada sobre unha base de pan tostado, está composta por un revolto de pementos do piquillo e gulas salteadas con allo, uns ingredientes que van acompañados por unha redución de vinagre de Módena con azucre.
A súa creadora, Sonia Valiño, explica que intentou facer un prato “práctico, económico e saboroso” e considera que o éxito da tapa radica no contraste entre “o acedo e o doce, o frío e o quente”. Sonia Valiño amosouse “moi contenta” por acadar o premio á proposta máis innovadora: “sempre fago as tapas con moita ilusión, nos catro anos que se leva celebrando a ruta, pero levar o premio é unha ilusión engadida e este ano por fin caeu”.
TAPA TRADICIONAL – A BOA VIÑA / A BOA VIDA
Os clientes que participaron na IV Ruta de Tapas entraron no sorteo de atractivos premios. Víctor Estraviz, de As Barreiras (Melide), foi o gañador dunha noite para dúas persoas con cea e almorzo incluídos no Pazo de Eidián (Agolada), onde poderá gozar tamén de todos os servizos deste complexo hoteleiro rural. Outra veciña de Melide, Eva Camba, resultou agraciada cunha cesta de produtos ibéricos cedida por Distribucións O Carrizo. Os propietarios do bar Novo Valente foron agasallados cunha xornada no balneario Río Pambre.