Asetem-Cca pon en marcha un curso para que os transportistas obteñan o Certificado de Aptitude Profesional’, ‘A patronal subvencionará o 25% do custo no caso dos autónomos asociados. Para os traballadores asalariados será gratuíto.
A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) está a organizar un curso para a obtención do Certificado de Aptitude Profesional (CAP) no sector do transporte. Está destinado a condutores de autobuses e camións e terá unha duración de 35 horas. Celebrarase en Melide ao longo de tres fins de semana do mes de marzo.
As persoas interesadas en asistir xa poden anotarse acudindo ás oficinas de Asetem en horario de 8:30 a 13:00 horas ou chamando ao teléfono 981 50 61 88. O prazo de inscrición pecharase o día 15 de febreiro.
Bonificación para autónomos asociados
Os traballadores asalariados poderán obter o CAP de xeito gratuíto, xa que o custo irá a cargo das cotas de formación que aboan mensualmente á seguridade social. Os autónomos deberán aboar 325 euros. No caso de seren socios de Asetem-Cca, a patronal melidense subvencionaralles o 25% do prezo do curso.
Curso obrigatorio
O Certificado de Aptitude Profesional é obrigatorio dende o ano 2009 para todos os transportistas de viaxeiros e mercancías, que xa reciben a formación requirida cando sacan o carné de conducir. Non obstante, tamén se lle require aos condutores que obtiveron o permiso con anterioridade. Para a súa obtención establecéronse uns prazos que comezaron o ano pasado e rematarán en 2016. As datas foron fixadas en función das terminacións do carné de conducir.
Deste xeito, no ano 2013 están obrigados a sacar o CAP os condutores de autobuses cuxo permiso remate en 5 ou en 6 e os condutores de camións cuxo permiso remate en 3 ou en 4. Deberán obtelo antes do 10 de setembro. As materias principais nas que se formarán os condutores de vehículos pesados son a saúde e a seguridade no transporte, a regulamentación do sector e a condución racional e medioambiental. Coa implantación desta formación obrigatoria, a administración pretende reducir o número de accidentes, o consumo de combustible e as baixas por incapacidade temporal.