A campaña «Este Nadal toca en Melide» repartirá 6.000 euros entre os clientes’, ‘Os comercios melidenses acollerán ata o próximo 8 de xaneiro a campaña “Este Nadal Toca en Melide”, unha das máis tradicionais e consolidadas entre as que organiza a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca). A iniciativa, que se vén realizando no últimos 15 anos, repartirá 6.000 euros entre os clientes que fagan as súas compras de Nadal nalgún dos preto de 70 establecementos participantes. O inicio da campaña coincide cun momento doce para Asetem-Cca, que acadou recentemente un número récord de asociados.’, ‘
Un ano máis a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) pon en marcha a campaña “Este Nadal toca en Melide”, unha iniciativa que se desenvolverá entre os días 1 de decembro e 8 de xaneiro e que premiará a fidelidade dos clientes que durante ese tempo realicen as súas compras de Nadal na vila.
Un total de XX negocios confirmaron xa a participación na campaña, que este ano incorpora algunhas novidades. Unha das principais é que a xunta directiva de Asetem-Cca decidiu estendela a todos os negocios asociados, de xeito que ás tendas e pequenos comercios se incorporaron tamén nesta edición empresas de diferente natureza. O obxectivo final é que “Este Nadal toca en Melide” chegue ao maior número posible de clientes.
6.000 euros en premios
Por outra banda, Asetem-Cca decidiu plantarlle cara á crise e manter o mesmo nivel de premios ca o ano pasado. É por iso que “Este Nadal toca en Melide” volverá sortear 22 premios en metálico por un valor total de 6.000 euros. Distribuiranse do seguinte xeito: un premio gordo de 2.000 euros, un premio de 1.000 euros, dez premios de 200 euros cada un e dez premios de 100 euros.
A presidenta da patronal melidense, Sonia Valiño, destaca “o esforzo” que supón “en tempos difíciles” manter unha contía de premios tan considerable e agarda que 15 anos despois de poñer en marcha a primeira campaña de Nadal “os veciños e veciñas da comarca sigan vendo en Melide o mellor lugar para mercar”.
Sorteo, o 9 de xaneiro
O 9 de xaneiro, un día despois do remate da campaña, a sé da patronal melidense acollerá o sorteo dos premios. O acto realizarase ás 21:00 horas ante notario e estará aberto ao público. O listado cos 22 números premiados será publicado na páxina web e no facebook de Asetem-Cca. Tamén se lle dará difusión a través da radio municipal e de folletos distribuídos nos comercios que participaron na iniciativa.
Récord de asociados
O inicio da campaña de Nadal chega nun momento doce para Asetem-Cca, xa que o pasado 22 de novembro a patronal melidense acadou un número récord de asociados: 151.
A diferenza do que sucede coa maioría de asociacións de empresarios de Galicia, Asetem-Cca medra e faise máis forte cada día grazas ao apoio dos emprendedores locais, “que aínda en tempos nos que é difícil sacar adiante un negocio son conscientes de que a unión e o traballo conxunto son a mellor fórmula para saír da crise”. Así o recoñece a directiva de Asetem-Cca, que asegura sentirse “motivada e con ganas de seguir loitando día a día”.