Lácteos Terra de Melide obtén o premio ao mellor queixo de Tetilla de Galicia’, ‘A queixería melidense, socia de Asetem-Cca, foi a gran triunfadora da XIV Cata dos Queixos de Galicia 2011, na que obtivo tamén a distinción de bronce na Denominación de orixe Arzúa-Ulloa. A entrega de premios celebrouse no Hotel Carlos 96 de Melide, coa asistencia do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O despacho de Lácteos Terra de Melide queda pequeno para tanto premio pero a Salvador Carreira, o propietario e fundador desta queixería da parroquia de Orois, non lle quedou máis remedio ca buscar un oco nos estantes para colocar outros dous novos galardóns. A queixería melidense foi a gran triunfadora da XIV Cata dos Queixos de Galicia 2011, na que obtivo a distinción de ouro na Denominación de Orixe Queixo de Tetilla e a de bronce na Denominación  de orixe Arzúa-Ulloa. As mans xa non chegan para sumar tanto recoñecemento e Salvador ten que coller papel e bolígrafo. “Estiven facendo reconto. Levamos vinte premios. A verdade é que dá gusto recibilos”, comenta con orgullo e sen esquecer o traballo realizado día a día ao longo de vinte anos á fronte da súa empresa.

 

Melide foi a localidade elixida para facer entrega dos premios da XIV Cata dos Queixos de Galicia e da X Cata dos Meles de Galicia 2011. A gala celebrouse a primeira semana do mes de decembro no Hotel Carlos 96 e contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez. No evento tamén se deron cita os representantes de 39 fábricas de queixo con denominación de orixe e de 16 industrias envasadoras de mel. No transcurso do evento entregáronse as distincións de ouro, prata e bronce para cada unha das denominacións de orixe e un total de 26 diplomas.

O presidente da Xunta iniciou o seu discurso cunha referencia á potencialidade do centro de Galicia. “Dende aquí tense a mellor perspectiva de todo”, sinalou Núñez Feijóo, quen tamén puxo aos produtores de queixo e mel como o exemplo de que se pode saír da crise apostando pola calidade, o territorio e a marca Galicia. “É difícil hoxe en día atopar sectores coma estes que sigan medrando. Queixos e meles medran porque son modestos e non esquecen de onde veñen, porque apostan pola calidade e non se deixan levar pola cantidade”.

Na mesma liña se manifestou o titular de Medio Rural, Samuel Juárez, que botou man de cifras para salientar a fortaleza do sector. A produción de queixos galegos amparados por unha denominación de orixe medrou un 56% nos últimos dez anos, pasando de 4.000 toneladas producidas no ano 2000 a case 6.000 no ano 2010. No caso do Queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa o incremento foi máis destacado e na actualidade estas dúas denominacións de orixe ocupan o segundo e o terceiro posto respectivamente no ranking nacional de queixos con denominación de orixe, só superados pola D.O. Manchego. O conselleiro puntualizou que “esta evolución positiva non nos debe levar a baixar a garda porque aínda temos moito espazo para crecer”. Neste sentido, engadiu que “tendo en conta a nosa posición dentro do mercado lácteo español, a produción galega de queixos con denominación de orixe, que representa o 20% do total de queixo que se produce en Galicia, podería medrar sensiblemente”.