A primeira edición do Salón da Voda celebrarase o 22 de abril en Melide’, ‘A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo traballan xa cóbado con cóbado na organización da que será a primeira edición do Salón da Voda de Melide. O que comezou como un proxecto de futuro é xa toda unha realidade que se materializará o próximo domingo 22 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións da vila.

Baixo o lema “Casa comigo… en Melide”, o Salón da Voda pretende ser un gran escaparate no que se amose toda a oferta que o tecido comercial e empresarial da vila ofrece ás parellas de noivos. A proposta inicial, formulada pola emprendedora local Rebeca Ponte, contempla a idea de congregar no Pazo de Congresos a comercios de sectores moi variados nos que se poida atopar todo o necesario para organizar un casamento, dende a despedida de solteiro ata a decoración do fogar do futuro matrimonio.

Que ofrece o Salón da voda?

En horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas, os asistentes ao Salón da Voda de Melide poderán consultar e contratar menús para banquetes, a decoración floral do lugar  no que se celebre o enlace e, por suposto, os traxes de noiva, de noivo e de madriña. Haberá tamén unha variada representación do sector da xoiería e estarán presentes estudos de fotografía e algunhas casas rurais da comarca que acollen cerimonias. Outra das ofertas do evento será a dos comercios que elaboran artigos de regalo para os invitados e tarxetas de invitación. Tamén estarán presentes empresas de transporte, cos seus coches de época para os noivos e o servizo de traslado de invitados.

Non podería faltar unha representación do sector do ocio, tan importante nunha vila coma Melide á que acoden cada vez máis mozos e mozas a celebrar as súas despedidas de solteiro. Asemade, terá o seu propio stand algunha axencia de espectáculos e incluso os reposteiros locais amosarán o seu bo facer coas tortas nupciais. Do mesmo xeito participarán varios comercios que poñerán a disposición dos noivos un amplo catálogo de artigos para completaren a súa lista de vodas.

 

Se es empresario, participa!

Todos os establecementos susceptibles de formar parte do Salón da Voda recibirán nos próximos días unha carta de mans dos axentes da Policía Local na que se explicarán as liñas básicas do evento e a través da cal serán invitados a participar nel.

O día 6 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase unha reunión na sede de Asetem para explicar máis polo miúdo como será a organización e o desenvolvemento da feira. A partir dese día os interesados en participar terán de prazo ata o 15 de marzo para formalizar a súa inscrición e aboar a cota correspondente de 30 euros.

 

 

Os obxectivos

Tanto Asetem como o concello de Melide pretenden potenciar co Salón da Voda a imaxe da vila como un lugar idóneo para celebrar un casamento. Cada vez son máis as persoas que completan parte da súa voda nos establecementos locais pero descoñecen que poden contratar todo o necesario para o enlace sen saír da comarca. Ao mesmo tempo, a iniciativa quere ser un revulsivo máis para o comercio de Melide e unha aposta polo espírito emprendedor en tempos difíciles.