Melide vístese de branco para acoller a II edición do Salón da Voda’, ‘Melide volverá a ser un ano máis o lugar de referencia en Galicia para todas aquelas parellas que estean pensando en casar. O Pazo de Congresos e Exposicións da vila acollerá o próximo domingo 17 de marzo a segunda edición do Salón da Voda, un evento impulsado conxuntamente polo concello e a asociación de empresarios (Asetem-Cca). A crise económica non foi quen de poñer freo a unha iniciativa que chega avalada polo éxito acadado en 2012 e pola demanda das empresas e negocios do sector que ao longo dos últimos meses manifestaron o seu interese por participar de novo na feira. O II Salón da Voda persegue dous obxectivos básicos: por unha banda facer máis visible a riqueza e variedade do comercio local e por outra amosar que se pode organizar o mellor dos casamentos sen necesidade de saír da comarca
Un completo escaparate
Durante nove horas, de 11:00 a 20:00, o Salón da Voda de Melide concentrará unha variada oferta de produtos e servizos onde parellas e convidados poderán atopar todo o preciso para organizar unha voda. Será un gran escaparate no que participarán 35 expositores de 16 sectores diferentes:
> Hostalería: opcións para todos os gustos e todos os tipos de convites. A oferta de hostalería da feira contempla dende comedores de pequena capacidade para aqueles enlaces máis íntimos, ata casas rurais, pazos e balnearios. Á marxe da cerimonia, ofrecen tamén os seus servizos para despedidas de solteiro/a.
> Moda, lencería e complementos: é o sector con maior representación; un total de 12 firmas entre as que se inclúen as dúas tendas melidenses especializadas en traxes de noiva e de noivo. Esta última, de recente apertura, incorpórase ao salón. Como novidade, e para aqueles noivos que opten por unha voda menos convencional, participará nesta edición un comercio que elabora traxes tradicionais galegos á man. Non faltarán os zapatos nin tampouco as propostas de moda para invitados, madriñas, padriños e nenos de arras. Haberá tamén unha ampla oferta de lencería coa presenza de tendas especializadas en corpiños e tallas grandes. Un ano máis repite El patio de mi casa, unha firma melidense de recente creación que deseña americanas por encargo para vestir a pais, nais e fillos, ofrecendo mesmo a posibilidade de que vaian combinados.
> Xoierías: alianzas e arras centrarán a oferta dun sector que tamén amosará xoias para invitados.
> Florerías: ramos de noiva e deseños florais para banquetes e igrexas serán algunhas das propostas que se poidan ver.
> Animación musical: presentarán os seus servizos ante os clientes e serán tamén a banda sonora do Salón da Voda, con actuacións en directo ao longo de toda a xornada. Soará a música de cámara, de grupos clásicos e de discotecas móbiles. Tamén se escoitará a voz de solistas e haberá representantes musicais que lle ofrecerán aos noivos a posibilidade de contratar mesmo orquestras.
> Perruquería: tres perruquerías melidenses amosarán as últimas tendencias en peiteados e maquillaxe. Haberá demostracións en directo, incluída tamén a elaboración de tatuaxes para quen queira que unha ocasión tan especial sexa indeleble.
> Listas de vodas: electrodomésticos, vaixelas e mobiliario e utensilios para o fogar son bos regalos para calquera parella que decida casar. No Salón da Voda haberá unha ampla representación da que de seguro os convidados poderán sacar ideas.
> Coches de época: limusinas, coches clásicos e de época serán parte esencial do salón e sen dúbida chamarán a atención de propios e estraño. Na feira haberá dez modelos diferentes.
> Repostería: a gastronomía gana cada vez máis peso nos detalles de voda. Os tradicionais melindres, ricos e amendoados de Melide xunto cos produtos artesáns e ecolóxicos da comarca terán cabida a través das propostas orixinais de dúas tendas da vila.
> Outros: comerciais de viños, imprentas, estudos de fotografía, empresas de novas tecnoloxías ou axencias de viaxes formarán tamén parte do escaparate do Salón da Voda. Incorpórase este ano á oferta da feira o servizo de canguro para os nenos invitados á cerimonia.
Un salón que medra. Novidades
Partindo das mesmas premisas de calidade e variedade que se aplicaron no ano 2012, o Salón da Voda incorpora desta volta novos alicientes que sen dúbida o farán máis atractivo de cara aos visitantes e lle outorgarán un grao máis de categoría. Serán dúas as principais novidades que se incluirán este ano:
> Desfile de moda: o corredor central do recinto de exposicións converterase nunha pasarela de moda que servirá para lucir a roupa e os complementos de varios dos comercios participantes. Haberá dous pases, un ás 13:00 e outro ás 18:00 horas, nos que se amosarán varios vestidos de noiva e madriña, ademais de traxes de noivo e roupa para nenos de arras e invitados. Haberá seis modelos profesionais pero sobre as pasarela tamén estarán caras coñecidas na vila pois coa intención de abrir o evento á participación da veciñanza, déuselles aos comercios a posibilidade de realizaren castings para escoller entre a súa clientela os/as modelos que lucirán as súas prendas ese día.
> Sorteo dunha viaxe: as parellas que vaian casar este ano ou o próximo e visiten o Salón da Voda de Melide terán dereito a entrar no sorteo dun cruceiro de 7 días polo Mediterráneo. Tan só terán que cubrir un formulario de participación no stand da axencia de viaxes, que estará situado á saída do recinto. O sorteo realizarase o propio día da feira a última hora da tarde e servirá para que unha das parellas saia coa viaxe de lúa de mel baixo o brazo. Antes de realizar o cruceiro, a parella que resulte afortunada deberá acreditar documentalmente que casou.
Máxima difusión
Convencida de que o boca a boca segue a ser unha boa forma de publicidade, a organización imprimiu 5.000 dípticos para repartir entre os asistentes ao mercado que cada domingo acolle a vila de Melide. Neles recóllese un plano coa distribución dos stands e unha relación de todos os comercios participantes agrupados por sectores.
Por outra banda, segue en operativa a páxina web www.salondeboda.com, posta en marcha co gallo da primeira edición do salón. A través dela pódese acceder aos datos de contacto dos expositores así como a información relacionada co salón. Tamén contén un arquivo con vídeos e imaxes da edición anterior. Ademais, a través da páxina os internautas poderán formular todas as preguntas e dúbidas que desexen aclarar en relación co evento.