Melide Moda acada un éxito rotundo coa asistencia de preto dun milleiro de persoas’, ‘A Asociación de Empresarios da Terra de Melide (ASETEM), entidade organizadora, amosa a súa satisfacción ante o éxito acadado polo evento e dá por cumprido o dobre obxectivo de promover a valía do comercio local e lanzar unha mensaxe de optimismo ao tecido empresarial en tempos de crise.

          O Pazo de Exposicións e Congresos de Melide rexistrou un cheo absoluto o pasado sábado 5 de novembro en coincidencia coa celebración de “Melide Moda”. Máis dun milleiro de persoas asistiron á primeira edición da pasarela local de tendencias na que un total de 23 comercios da vila exhibiron as súas propostas para a tempada outono – inverno.

A pasarela melidense amosou no transcurso de dúas horas as últimas tendencias de moda en 9 sectores diferentes: roupa, calzado, complementos, lencería, noivas, xoiería, mascotas, perruquería e flores. O desfile comezou pasadas ás 8 da tarde cunha das propostas máis innovadoras: a moda de roupa para mascotas, que levou sobre a pasarela a varios cans de diferentes razas. Axiña se pasou ás xoias e aos complementos, que inundaron de cor o pazo de congresos con paraugas, gorros, bolsos, xoguetes e ata bicicletas.  Foi entón cando comezaron a desfilar sobre a pasarela os preto de 30 rapaces e rapazas de Melide de entre tres e once anos que previamente foran seleccionados nun casting e conseguiron arrincar os aplausos máis sonoros. Entre os pases máis seguidos estiveron os de roupa e calzado, nos que colaboraron 9 establecementos. As propostas de lencería crearon unha alta expectación e foi tamén moi valorado o broche final do desfile; a moda para noivas, que incluíu un vestido da prestixiosa deseñadora galega Silvia Cupeiro.

Os diferentes pases foron introducidos e comentados polos condutores da gala; Sonia López, presentadora da TVG, e Paco Nieto, profesional do mundo da radio. Todas as propostas foron defendidas sobre a pasarela por modelos profesionais (agás no caso da moda infantil) entre os que se encontraban algúns mister e miss provinciais. Houbo tamén espazo para as tallas grandes. Tres perruquerías da vila participaron na gala peiteando os modelos. Do mesmo xeito, dúas floristerías encargáronse da decoración floral.

A Primeira Pasarela de Moda de Melide contou ademais coa actuación de Cardigan Bridge, nome artístico de Rebeca Ponte, unha cantautora veciña da vila que confesou sentirse en Melide “coma na casa” e estar “moi emocionada por formar parte desta iniciativa”. A artista, acabada de chegar da xira de presentación do seu disco “On the windowsill” en Nova York, avanzou algúns dos temas que incluirá no seu segundo traballo discográfico.

O evento organizado por Asetem contou coa colaboración da Consellería de Industria, a Dirección Xeral de Comercio e o Concello de Melide.  A pasarela contou coa presenza, entre outras autoridades, da Delegada Territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo; a Xefa Territorial da Consellería de Economía e Industria, Tristana Moraleja; a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez; o presidente da Federación de Autónomos de Galicia, Javier Pérez Bello, e a presidenta de Asetem, Sonia Valiño.

Establecementos participantes

 

–          Roupa:

  • Casa das Luces
  • El baúl de la Piquer
  • M&M
  • Q´me compro
  • El Dándolo
  • H2O
  • Alfonso Modas

 

–          Complementos:

  • Cousas Novas
  • Muxica
  • Perfumería Lyss
  • Leiva Motosport

 

–          Zapaterías:

  • Calzados Broz
  • Tanuska Zapatería

 

–          Lencería:

  • Berencello
  • Marvi Lencería

–          Xoiería:

  • Oro  de Ley

 

–          Veterinaria:

  • Centro Veterinario Chelo

 

–          Moda nupcial:

  • Silvia Novias

 

–          Perruquerías:

  • Toño Peluqueros
  • Skala Peluquería
  • Santín & Amo Perruqueiros

 

–          Floristerías:

  • Floristería Maru
  • Floristería Tarrío