Julio Villamor: “Nunca fun capaz de negarlle aninguén nada do que eu soubera”’, ‘A súa axenda está máis ocupada ca nunca, pero Julio Villamor non escatima tempo para unha conversa amable e sosegada. Paseniño e con boa letra, como asegura que lle gusta facer as cousas, relata o proceso de invención da súa campá de cociña silenciosa ao tempo que vai deixando entrever un home apaixonado do traballo e que pon a máxima ilusión en todo aquilo que fai. Humilde e xeneroso, a súa vida profesional colle agora un novo rumbo despois de 59 anos en activo sen deixar de sumar cada día “máis amigos e máis clientes”.
-Que sensación lle produce terse adiantado aos enxeñeiros das principais marcas de electrodomésticos?
-Realmente non teño unha satisfacción moi grande nese sentido. Supoño que se non o descubriron eles foi porque non quixeron. O que fixen eu tampouco ten moita ciencia; só se trata de aplicar o sentido común e de ir investigando ata dar coa fórmula. Non ideei a campá para vendela, senón para resolver o problema que supoñía para min o ruído, que sempre me molestou moito. Unha vez resolto o problema para min, tamén me parece demasiado egoísta non darlle a oportunidade de resolvelo aos demais. Nunca fun capaz de negarlle a ninguén nada do que eu soubera.
-Ademais de sentido común, supoño que tamén e necesario moito tempo e dedicación.
-A primeira vez que pensei en amañar unha campá para ver se daba evitado o ruído foi cando fixen a casa nova. Merquei unha carcasa e un motor e fixen unha mestura que xa daquela deu bo resultado. Pensei que cando me xubilara me ía poñer mans á obra para facer unha campá integramente miña e así pasei 20 anos; pensando nesa cuestión pero sen moito tempo para sacala adiante. Cando comecei en serio cos prototipos de probas foi hai tres anos. En total fixen 7 e de cada un deles saquei moitas conclusións e fun corrixindo infinidade de cousas. Hai unha parte da campá que a fixen de 30 maneiras distintas ata conseguir o que quería. Fun aplicando en todo momento o sistema de proba/erro ao tempo que estudaba un tratado moi bo sobre ruídos. A campá foi froito de ler, pensar e probar.
-O seu invento tivo unha acollida moi boa. Xa recibiu ofertas pola patente?
-Non me fixeron ofertas pero hai moita xente interesada, xa antes de agora. Propuxéronme a compra pero negueime porque non quixera que a campá caese na man dunha multinacional que sangrara á xente para poder chegar a ela. Nós imos vendela por 1.845 euros, que é o prezo máis económico posible. Se con iso nos mantemos, xa é suficiente; non aspiro a facerme millonario a conta da campá. Ao contrario, prefiro que o servizo chegue a moita xente para non ter que aguantar ese ruído continuamente encima da cabeza. Gustaríame poder facela máis barata pero tería que restarlle á calidade e iso non quero que lle falte.
-Agora é momento de abrir mercado. Son boas as expectativas?
-Xa temos xente interesada en vendela en Madrid, Bilbao, Valladolid, Vigo e na Coruña. Solicitárono eles mesmos, sen necesidade de ofrecérllelo. Eu non quería pagar grandes comisións na venda, porque iso obrigaría a subir o prezo da campá ou a restarlle calidade. As comisións son sempre inferiores cando se vende un produto bo, porque a xente queda satisfeita e búscache novos clientes. O que vende un produto malo, vende o seu prestixio tamén. A calidade e a seriedade son fundamentais; así foi o meu traballo toda a vida e así quero que siga sendo. É a maneira que me permitiu cumprir 59 anos traballando e ter cada vez máis amigos e máis clientes.
-A súa intención é que a campá se fabrique en Melide. Que condicións se teñen que dar para que iso pase?
-Ese é o meu desexo pero hai algúns aspectos que teño que valorar. Algúns expertos desaconséllanme fabricala aquí, porque en Melide se apoia máis ao comercio de fóra có do pobo. Antes de tomar a decisión realizarei un estudo de mercado. Non descarto esa opción e, insisto, gustaríame que se fabricase aquí, pero non quero arriscarme. Xa teño buscado a forma de construíla en Melide e tamén a persoa que a faría, pero é algo que veremos co tempo. Este tipo de decisións hai que tomalas con datos na man e con garantías de que non hai abusos para ninguén. Soporto os abusos bastante mal e vexo que pode haber algúns por aí.
-Recibiu moitas felicitacións?
-Abrazos e bicos en todas as esquinas. Estoulle moi agradecido ao pobo de Melide. Non de agora, senón de sempre. Por iso fixen o rueiro que hoxe en día colga das paredes de moitas oficinas e casas da vila, para darlle as grazas á xente. Con esta campá quería conseguir algo parecido.