Asetem-Cca organiza un show room a ceo aberto de cara á tempada outono-inverno’, ‘Un día enteiro para pasear, ir de tenda en tenda, mirar, comparar, probar todo o que se queira e, se gusta, mercar a prezos rebaixados. O que podería parecer o soño de calquera persoa afeccionada á moda e ás tendencias será unha realidade na vila de Melide grazas á última iniciativa posta en marcha pola asociación de empresarios da comarca.
Baixo o nome “En Melide todo o día”, Asetem-Cca preparou para o próximo sábado 23 de novembro unha xornada comercial pensada para darlles a coñecer aos clientes todas as novidades que ofrecen os establecementos da vila de cara á tempada outono-inverno. Será un día de portas abertas para conversaren os vendedores cos consumidores, amosarlles a nova mercancía e falarlles das últimas tendencias ou dos artigos recentemente incorporados.
Deste xeito, Melide converterase por un día nun Show Room ao aire libre onde as persoas que se acheguen a visitalo poderán coñecer de primeira man unha ampla variedade de produtos. Son os que venden os 20 establecementos comerciais* que participarán na campaña, todos eles asociados a Asetem-Cca e representativos de sectores moi diferentes. Haberá oferta para todos os gustos e todas as necesidades: lencería, zapatería, ferraxería, xoiería, regalos e complementos, roupa para home e muller, produtos de estética e perruquería, motos e bicicletas, mobles, alimentación e produtos delicatessen, artigos multiprezo e roupa deportiva.
Descontos e premios
Como o seu propio nome indica, “En Melide todo o día” celebrarase ao longo dunha única xornada, a do 23 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Durante ese día os comercios participantes farán un 10% de desconto en todas as compras realizadas e agasallarán ao cliente cun vale-desconto de 5 euros que poderá empregar en futuras adquisicións superiores a 50.
Ademais de descontos, tamén haberá premios aos que se poderá acceder polo simple feito de visitar as tendas. O pasado domingo, día 17, repartíronse invitacións sen compromiso de compra entre a xente que acudiu ao mercado. Tamén se poderán atopar ao longo desta semana nos establecementos participantes. Nelas aparecen os logotipos e as direccións de todos os comercios. A medida que o cliente vaia visitando as tendas, irá selando os logotipos. Se completa a metade e ademais presenta un ticket de compra, terá dereito a un regalo sorpresa: cea para dous nun establecemento hostaleiro da vila, un décimo de lotería, un lote de rifas para a campaña de Nadal de Asetem-Cca… . Os agasallos poderán recollerse a partir do día 23 de novembro nas oficinas da patronal.
A presidenta de Asetem-Cca, Sonia Valiño, confía en que esta campaña contribuirá a consolidar aínda máis a idea xa estendida de que “en Melide hai de todo” ao tempo que servirá como iniciativa dinamizadora nun mes no que as vendas son tradicionalmente máis frouxas. Valiño destaca ademais que a promoción do comercio melidense se faga sempre dende a vangarda e achegando ao consumidor unha imaxe de modernidade: “recollemos para esta campaña o concepto do show room, en auxe ultimamente, pero adaptámolo á nosa realidade e enfocámolo á proximidade co cliente, porque iso é o que sempre distinguiu o comercio de Melide”.
Ocio e gastronomía para todos os gustos
Angarela
Calzados Broz
Centro Comercial Ares
Cousas Novas
Ekaté
El Baúl de la Piquer
El Dándolo
Leiva Motosport
Lencería Berencello
M&M Moda
Mis Mejores Labores
Mobles Ares
Modas Alfonso
Muxica Tenda Xoven
Romero Zapaterías
Sisuka
Susana, estética e perruquería
Tu Boutik
Xebre
Xoiería Oro Ley