A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Astem-Cca) puxo punto e final á campaña de Nadal o pasado 5 de febreiro coa tradicional entrega de premios aos clientes agraciados. Comerciantes e consumidores participaron nun acto que por terceiro ano consecutivo se celebrou no local que Ezequiel Eventos puxo xentilmente a disposición da patronal.

A presidenta de Asetem, Sonia Valiño e a vicepresidenta da asociación, Elena Quintas, actuaron de anfitrioas dunha velada na que se entregaron 18 dos 22 premios da campaña. Catro galardóns quedaron desertos ao non apareceren nin o titular nin o reserva das rifas agraciadas.

 

Cuestión de sorte

A sorte, que ten sona de ser caprichosa, sorprendeu un ano máis coas súas reviravoltas. Tendo en conta que nesta edición os 62 comercios participantes repartiron 50.400 rifas, non deixa de chamar a atención que tres das papeletas premiadas as dese Cafetería Stop, entre elas a do premio gordo, dotado con 2.000 euros. O cliente agraciado foi Javier Barreiro, un veciño de Melide ao que tamén lle sorriu a sorte, pois era posuidor do número de reserva e tivo que agardar preto de vinte días coa incerteza de non saber se aparecería o titular. Finalmente a espera mereceu a pena e para el foron 2.000 euros que xa ten claro en que investir: unha lavadora, unha televisión, un quentador e roupa.

A sorte tamén foi caprichosa coa gañadora do segundo premio, Marissa Sánchez, que recibiu 1.000 euros de Santín & Amo Perruqueiros como clienta e entregou 200 en calidade de comerciante propietaria de El Baúl de la Piquer. Outra das afortunadas foi Montserrat Chorén, agraciada con dous premios, un de 200 euros que recolleu de mans dos xerentes de Romero Zapaterías e outro de 100 euros que lle entregou Cousas Novas. Todos os clientes agraciados disporán ata o 20 de febreiro para gastar os cartos en calquera dos comercios que participaron na campaña.

Trala entrega de premios todos os asistentes ao acto puideron degustar uns petiscos servidos por xentileza de Ezequiel Eventos.