En 2014 a Asociación de Empresarios Terra de Melide cumpre 25 anos. Para conmemorar tan simbólica data, a patronal melidense está ultimando unha serie de actividades coas que se pretende botar a vista atrás para repasar estas máis de dúas décadas de historia e achegar o labor da asociación á veciñanza e ao empresariado da comarca. En constante diálogo co presente e co pasado, as propostas distribuiranse ao longo de todo o mes de maio con conferencias sobre temas de actualidade, exposicións, unha cea de confraternidade para socios e unha edición especial do Cerne.
CEA DE CONFRATERNIDADE
A historia de Asetem, ao fin e ao cabo, é a historia dunha unión de forzas para conseguir un ben común, da suma de individualidades nun proxecto colectivo. Por iso non hai mellor maneira de conmemorar 25 anos ca facelo todos xuntos. Así, o venres 30 de maio celebrarase unha cea de confraternidade nun restaurante da vila á que estarán convidados todos os socios e socias. Será completamente gratis e poderase levar un acompañante. Nas invitacións, que Asetem remitirá coa suficiente antelación, confirmarase a hora e o lugar exactos. Ao acto estarán convidados tamén todos os presidentes que tivo a patronal, así como personalidades da Xunta de Galicia e das principais asociacións de comerciantes e empresarios da comunidade.
UNHA MIRADA AO PASADO. EXPOSICIÓN SOBRE OS 25 ANOS DE HISTORIA
Na primeira semana de maio inaugurarase na sede Asetem unha exposición con abondoso material fotográfico e documental que repasará os momentos máis importantes da asociación dende a súa fundación en 1989 ata o día de hoxe.
Durante todo o mes, a entrada e o salón de actos da patronal converteranse nun pequeno museo que poderán visitar todos os veciños da comarca polas mañás, en horario de oficina. Será un percorrido breve pero cheo de caras coñecidas e de curiosidades que van dende o documento fundacional de Asetem ata a peculiar dedicatoria de Manuel Fraga á patronal.
Unha das seccións estará dedicada integramente ás campañas promocionais, aquelas dos tempos nos que había que explicar o que valía o euro ou nos que se podía presumir de repartir 16.000 euros na campaña do Nadal. Haberá un espazo tamén para a Plataforma da Autovía e proxectaranse vídeos gravados hai preto de 20 anos e protagonizados polos socios.
PENSANDO NO EMPRESARIADO. CICLO DE CONFERENCIAS
Expertos en temas de interese para os empresarios e o público en xeral pasarán todos os xoves pola sede de Asetem para disertar sobre temas como a xubilación, as operacións bancarias coa normativa SEPA ou os novos modelos para o comercio de proximidade. Todas as conferencias comezarán ás 20:30 horas e estarán abertas a todas as persoas interesadas en asistir.
* Xoves 8 de maio: “Novos modelos e alternativas para o comercio de proximidade”
Relator: Luis Fernández Díaz, secretario xeral técnico da Federac. Galega de Comercio
Contidos: Partindo da situación actual do pequeno comercio, a primeira das conferencias programadas por Asetem centrarase nos novos modelos comerciais e na venda on line como alternativa. Falará tamén un representante de comerciogalicia.es, unha plataforma de servizos e compras representativa das novas formas de asociacionismo comercial.
*Xoves 15 de maio: “Sepa, nova lei de pagos”
Relatores: J. Carlos Ferreiro, delegado de financiamento do Banco Sabadell; Fernando Miranda, director de colectivos; Dolores López, directora da oficina de Melide.
Contidos: disertación sobre os cambios introducidos pola Zona Única de Pago en Euros.
*Xoves 22 de maio: “A Reforma das pensións: causas, solución e consellos”
Relatores: Víctor Chapela e Marcos Cao, técnicos da Conf.de Empresarios da Coruña.
Contidos: Recentemente cambiou a lexislación relativa ao cálculo das pensión de xubilación. Moitos empresarios e autónomos non modificaron a súa situación para adaptárense ás novas regras do xogo e iso estalles a ocasionar a perda de importantes cantidades de diñeiro. Nesta conferencia informarase polo miúdo sobre a reforma das pensións, achegaranse solucións para mellorar a xubilación de cada quen e poñeranse exemplos prácticos, diferenciando autónomos e asalariados. Recomendada para o público xeral.
ESPECIAL CERNE Nº 100
Maio trae tamén para Asetem outro acontecemento digno de conmemorar, xa que ese mes sairá á rúa o Cerne número 100. Con tal motivo, publicarase unha edición especial que condensará en 48 páxinas as noticias máis importantes de todas as que leva contado o xornal nestes case dez anos de vida. As páxinas do Cerne abriranse a todos os colaboradores que escribiron nel durante este tempo, aos xornalistas que contribuíron a que saíse mes tras mes e, por suposto, aos socios de Asetem. Para eles, como artífices finais do xornal, estarán dedicadas catro páxinas que pretenden ser unha pequena homenaxe.