Como parte das actividades organizadas pola Asociación de Empresarios Terra de Melide para conmemorar o seu 25º aniversario, a sede da patronal acollerá ao longo do mes de maio un ciclo de conferencias que lle achegará ao empresariado da comarca información sobre temas de interese tanto a nivel profesional como persoal.
Baixo o título “Novos modelos e alternativas para o comercio de proximidade”, a primeira das charlas, o día 8 de maio, afondará na situación actual do pequeno comercio e tentará ofrecer algunhas claves de futuro baseadas nas novas tecnoloxías e no comercio electrónico. Impartida por Luis Fernández Díaz, secretario xeral técnico da Federación Galega de Comercio, na conferencia abordarse tamén a maneira de trasladar o mellor do comercio tradicional á venda online. A charla, aberta ao público en xeral, comezará ás 20:30 horas e celebrarase no salón de actos de Asetem.
O mesmo escenario acollerá o día 15 de maio a segunda das charlas: “SEPA, nova lei de pagos”. No relatorio explicaranse polo miúdo as implicacións da normativa SEPA (Single Euro Payments Area), que introduciu modificacións de gran relevancia no control e na xestión dos cobros e pagos en euros que se producen entre empresas. Os relatores serán J. Carlos Ferreiro, delegado de financiamento do Banco Sabadell; Fernando Miranda, director de colectivos, e Dolores López, directora da oficina de Melide. A charla comezará ás 20:30 horas.
A derradeira conferencia, que se celebrará o 22 de maio tamén ás 20:30 horas, levará por título “A reforma das pensións: causas, solucións e consellos”. Víctor Chapela e Marcos Cao, técnicos da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), falarán da reforma das pensións e explicarán os cambios introducidos no cálculo das pensións de xubilación. Achegarán tamén solucións e consellos para mellorar a xubilación ao tempo que presentarán exemplos prácticos baseados en casos reais de autónomos e traballadores.