O comité executivo da Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) acordou conceder o DIPLOMA DE HONOR e a MEDALLA DE OURO de Feaga á Asociación de Empresarios Terra de Melide “polo seu labor ao longo destes anos a favor dos profesionais autónomos da comarca e pola colaboración e apoio prestados nestes anos á Federación de Autónomos de Galicia”.

Así llo fixo saber o presidente de Feaga, Francisco Javier Pérez Bello, á presidenta da patronal melidense, Sonia Valiño, a través dunha carta na que aproveitou para felicitar “a todos os asociados, á xunta directiva e ao persoal técnico de Asetem” polo seu 25ª aniversario. Na misiva Pérez Bello expresou tamén o  seu desexo de que os próximos 25 anos sexan “tan exitosos como os pasados”.

Nada máis coñecer a nova, a xunta directiva de Asetem trasladoulle a Feaga “o máis fondo agradecemento” por unha distinción “que premia o traballo e a dedicación altruísta das persoas que pasaron por Asetem dende a súa fundación”, manifestou Sonia Valiño.  A presidenta da patronal engade que o premio estará dedicado “a todos os profesionais autónomos que contribúen co seu esforzo diario a dinamizar a economía local e a facer de Melide unha das vilas máis atractivas de Galicia a nivel comercial”.

 

Cea de confraternidade

A entrega da Medalla de Ouro de Feaga terá lugar o vindeiro venres 30 de maio, en coincidencia coa celebración da cea do 25º aniversario de Asetem. O propio presidente da Federación de Autónomos de Galicia desprazarase ata Melide para entregar o galardón e participar tamén dunha velada para a que xa confirmaron asistencia máis de 150 persoas.

Entre os asistentes á cea tamén estarán a directora xeral de comercio, Sol Vázquez Abeal; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; e o presidente da Federación Provincial de Comercio, Miguel Agromayor; ademais dos alcaldes da comarca, socios de Asetem e colaboradores do xornal Cerne.

No transcurso da cea tamén se fará entrega dun diploma conmemorativo aos seis presidentes que tivo a patronal melidense dende 1989 ata a actualidade: Horacio Blanco, José Quintas, Pedro J. Gómez, Julio Villamor, José Antonio Rodríguez e Sonia Valiño. A velada rematará coa actuación musical do grupo folk Leirabuxo.