Os socios e socias de Asetem están chamados a votar este mes de xuño para escoller ás persoas que os representarán durante os vindeiros catro anos, xa que a patronal melidense celebrará eleccións á xunta directiva o próximo día 26. Será no transcurso dunha asemblea xeral extraordinaria,  convocada para as 22:00 horas en primeira convocatoria e para as 22:30 en segunda, que terá lugar no salón de actos de Asetem e na que se tratará como único punto na orde do día a renovación de cargos.

Os socios interesados en acceder á presidencia de Asetem terán de prazo ata o día 19 para presentar nas oficinas da patronal as súas respectivas candidaturas, que terán que estar avaladas por un mínimo de seis persoas e un máximo  de doce.

O actual equipo directivo xa manifestou a súa intención de optar á reelección e, á espera de decidir quen será a persoa que encabece a lista, é de momento a única candidatura que se presentará. En caso de non haber ningunha outra, será proclamada de xeito automático. De aparecer  unha ou máis alternativas, serán os socios quen teñan a última palabra.

A votación será secreta e realizarase ante unha mesa composta polo actual secretario de Asetem, José Ramón Villamor, e por dúas persoas elixidas ao azar entre as asistentes. Ao remate da votación procederase ao reconto de papeletas e anunciarase a candidatura gañadora. O reparto de cargos da xunta directiva electa realizarase á semana seguinte, no transcurso da primeira reunión do novo equipo.

 

Asemblea ordinaria

Antes de elixir a nova xunta directiva, celebrarase a asemblea xeral ordinaria, fixada para as 21:00 horas en primeira convocatoria e para as 21:30 horas en segunda.

A orde do día, que contempla cinco puntos, dará comezo coa lectura e aprobación da acta anterior, se procede. A continuación, someteranse tamén á aprobación dos socios as contas do exercicio 2013 e de seguido a vicepresidenta de Asetem, Elena Quintas, presentará a memoria de actividades realizadas e os obxectivos para o presente ano. No cuarto punto da orde do día abordaranse as axudas da Xunta de Galicia para as asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro e centros comerciais abertos. Pecharase a sesión cos rogos e preguntas que queiran realizar as persoas asistentes.

A xunta directiva comunica que os socios que desexen coñecer o balance de contas antes da celebración da asemblea,  poderán pasar a consultalas polas oficinas de Asetem, onde gustosamente os atenderán en horario de 8:30 a 13:00 horas.