Os comercios asociados a Asetem son os protagonistas este mes de agosto da  campaña Máis que comercio, unha iniciativa da Xunta de Galicia que chega  a Melide para dinamizar o Centro Comercial Aberto e premiar a confianza que depositan os consumidores  nas tendas de sempre.

En liñas xerais, Máis que comercio consiste nun xogo online que repartirá vales e premios entre os clientes dos establecementos da vila. O consumidor recibirá unha papeleta cun código por cada cinco euros de compra que realice nos negocios socios de Asetem.  Unha vez que obteña eses códigos, o cliente poderá acceder á páxina web www.maisquecomercio.com , onde aparecerán en forma de taboleiro con casiñas todos os establecementos participantes na campaña.

Debaixo das casiñas, e de forma aleatoria, estarán agochados os seguintes premios:  unha tarxeta de regalo de 200 euros, dúas tarxetas de regalo de 100 euros, seis paraugas, 10  bolsas reutilizables co logo da campaña e todos os agasallos que queiran incluír a maiores os negocios que participen. O xogo consiste en atopar os premios. Por cada código obtido, o cliente terá dereito a destapar unha casiña, onde ademais do nome do negocio atopará tamén fotografías e información relacionada con el. Por outra banda, tamén poderá votar o seu establecemento favorito. Cando remate a campaña, o 31 de agosto, o negocio preferido polos clientes recibirá un recoñecemento público.

 

Os obxectivos

A nivel galego, a campaña Máis que comercio comezou no mes de marzo e rematará en decembro. Abrangue os 52 Centros Comerciais Abertos (CCA) que existen en Galicia e cada mes celébrase en cinco deles. Con esta iniciativa, a Xunta persegue varios obxectivos: difundir o propio concepto de CCA e as súas vantaxes estratéxicas, así como incrementar e fomentar as compras no pequeno comercio. Ao mesmo tempo búscase favorecer a introdución e a utilización das novas tecnoloxías aplicadas ao comercio.

A presentación de Máis que comercio realizouse o pasado 29 de xullo no salón de actos de Asetem e contou coa participación da Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal. Naa súa intervención, Vázquez explicou que esta iniciativa persegue “visualizar a importancia que teñen os pequenos negocios” e darlle presenza  ao comercio de proximidade: “queremos que o cidadán saiba que en vilas coma Melide pode atopar, tal e como di o lema da campaña, máis que comercio; unha calidade, un xesto, un consello que marcan a diferenza”. A directora xeral destacou tamén a boa acollida que está a ter a campaña, que se celebra cada mes en cinco localidades diferentes. Como exemplo, apuntou as 10.000 visitas de media que rexistra a páxina www.maisquecomercio.com dende cada un dos centros comerciais abertos participantes.

Melide. Máis que comercio

Pola súa banda, o vicepresidente de Asetem, Rodrigo Fernández, valorou o feito de que a campaña empregue as novas tecnoloxías aplicadas ao comercio: “É un factor fundamental na actualidade pero unha materia aínda pendente en moitos negocios da vila. Oxalá esta iniciativa sirva para dar un paso máis cara ás novas formas de vender”, manifestou.

A alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, referiuse á necesidade de realizar campañas coma esta para manter o potencial económico de Melide ao tempo que destacou a singularidade do comercio local: “aquí non hai diminución das vendas e incluso se deron casos de comercios que pecharon noutros lugares para vir abrir a Melide”, sinalou. Nunha liña semellante, e como exemplo do dinamismo da vila, salientou o feito de que dende o Concello “se seguen dando licencias de apertura para hostalería, tendas e albergues”. Asegurou tamén con respecto ao mercado dos domingos que “estamos facendo enquisas e vemos que cada vez vén máis xente de cidades como A Coruña, Lugo, Santiago ou incluso Vigo mercar a Melide”.

Na presentación da campaña participaron tamén o concelleiro de promoción económica, Santos López, e o presidente da Federación Provincial de Comercio, Miguel Agromayor quen, recollendo o guante da rexedora, asegurou que “outros lugares deberían copiar de Melide; aquí vese vida, non estades pasando pola crise”.