O vicepresidente de Asetem, Rodrigo Fernández, desprazouse o pasado 5 de agosto ata a Cámara de Comercio de Santiago para participar na conferencia de presentación do Programa de Renovación do Tecido Comercial Galego da Xunta de Galicia. A directora xeral de comercio, Sol Vázquez, encargouse de explicar as liñas mestras destras axudas e subvención das que incluímos a continuación un pequeno resumo. En caso de estardes interesados nalgunha delas, podedes atopar información máis detallada no DOG nº 145 do 1 de agosto de 2014.( http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140801/AnuncioCA04-290714-0003_es.html )
SUBVENCIÓN PARA FOMENTAR A REMUDA COMERCIAL
(DOGA 145 DO 01/08/2014)
– Obxecto:
Facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.
– Beneficiarios:
Comerciantes retallistas que se dediquen ao comercio de xeito habitual en Galicia, que teñan como mínimo 64 anos cumpridos, que teñan cotizado a autónomos e exerzan a actividade de forma ininterrompida nos últimos 10 anos e que figuren inscritos no Rexistro Galego de Comercio ou o soliciten antes da finalización do prazo da axuda.
Tamén son beneficiarias as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial.
– Prazo: Ata o 1 de Setembro de 2014
– Contías:
.-Transmisores que teñan a idade de xubilación: 700 €.
.-Transmisores que non teñan idade de xubilación: pagamento único de 700 € dende o mes seguinte á baixa comercial ata o último mes en que cumpran a idade de xubilación.
.-Adquirentes do negocio comercial: 2.000 €
Os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar á Seguridade Social, no caso de que deba cubrir o período mínimo de cotización de quince anos.
SUBVENCIÓNS PARA A MODERNIZACIÓN, ESTABLECEMENTO DE NOVAS FÓRMULAS E MEDIOS DE COMERCIALIZACIÓN
NO SECTOR COMERCIANTE RETALLISTA E ARTESANAL GALEGO
(DOGA 145 DO 01/08/2014)
– Beneficiarios:
.- Comerciantes retallistas con pemes en Galicia, tendo como actividade algunha das que constan na orde da convocatoria da axuda e que figuren inscritos no Rexistro Galego de Comercio ou o soliciten antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
.- Titulares de obradoiros artesanais que figuren inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia no momento da convocatoria da orde e que fagan uso da marca Artesanía de Galicia.
.- Federacións de comerciantes e as asociacións profesionais de artesáns.
– Prazo: ata o 1 de Setembro de 2014
– Actuacións subvencionables para comerciantes retallistas e titulares de obradoiros artesanais:
.- Ferramentas que melloren a xestión do establecemento/obradoiro e o deseño dos seus produtos, e que non fosen usados con anterioridade.
.- Desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetaxe, dirixido a mellorar a loxística e a comercialización do produto.
.- Novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline, poñendo á disposición dos clientes recursos tecnolóxicos.
.-Novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que impliquen a utilización das redes sociais para a venda.
– Contía: 70% do investimento subvencionable e o 75 % para concellos da comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, Concellos da Costa da Morte, para a provincia de Lugo e a provincia de Ourense.
As actuacións deben ser realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data límite de xustificación (10 de novembro de 2014).