Non hai dúbida de que o comercio de Melide atopou a fórmula axeitada para pechar o período de rebaixas e dar saída ao stock acumulado. Catorce edicións do Mercamelide dan fe do éxito desta iniciativa que tan boa acollida ten entre a clientela e cuxa última edición, celebrada os días 30 e 31 de agosto, pechou cun balance satisfactorio en xeral para os 31 negocios participantes.

Pero todo é sempre mellorable e, sen percibir ánimo de crítica, nas conversas cos comercios que habitualmente participan na feira de oportunidades afloran propostas, ideas e recomendacións que, ao seu xuízo, contribuirían a facer o Mercamelide máis atractivo para os clientes e máis produtivo para os comerciantes. No que á edición de verán se refire, botan de menos a presenza de atractivos engadidos como por exemplo a máquina filloeira de Lestedo, que na edición de inverno “ten moito tirón e chama pola xente”, apuntan dende un dos negocios. Nesa liña, amósanse partidarios de incluír unha proposta semellante adaptada ao tempo de verán e de reforzar ao mesmo tempo a oferta gastronómica con máis espazos de lecer “onde a xente poida tomar ou picar algo ademais de mercar”.

Con respecto á distribución do espazo, son varios os negocios que aseguran estar limitados polo tamaño dos expositores e aos que lles gustaría dispoñer de stands con maior amplitude para poder poñer á venda máis mercancía. Recomendan tamén que se aproveite toda a superficie do Pazo de Congresos de xeito que se poidan habilitar corredores máis amplos entre as ringleiras de stands. Outra das recomendacións é que se evite na medida do posible colocar xuntas tendas que pertencen ao mesmo sector. Do mesmo xeito, algúns comerciantes cren conveniente que se sinalice onde está o Pazo de Congresos, igual que se fai cando acolle outros eventos, xa que non todo o público que acode ao Mercamelide é da comarca e “moita xente coméntanos que lles custa chegar”, aseguran.

Con todo, a satisfacción co xeito de organizar o Mercamelide e co formato atopado para o evento é xeralizada. Tanto é así que moitos dos comerciantes coinciden á hora de sinalar que non cambiarían “nada” e aqueles que teñen tamén negocios en vilas como Lalín, Monterroso ou Ordes establecen comparacións e destacan que o simple feito de organizalo e mantelo durante 14 edicións “xa é un mérito”.

O balance
Tamén en liñas xerais foi positiva a última edición da feira de saldos malia que nun principio as expectativas, explican dende Asetem, non eran as mellores posibles debido a tres factores: as previsións meteorolóxicas daban tempo de praia, a cita coincidía a finais de mes e as vendas sempre foron inferiores nas edicións de verán.
Finalmente estes factores semellaron non afectar e a afluencia de xente, segundo a valoración feita dende a patronal melidense, “foi superior á agardada”. Na xornada do sábado “houbo menos visitantes pero o nivel de vendas foi moi bo”. Pola contra na do domingo “vendeuse menos a pesar de que a mediodía e contra o final da tarde se rexistraron os picos de afluencia”.

En xeral, Asetem considera que os resultados foron “moi semellantes ou lixeiramente superiores aos de edicións anteriores”, o que é recibido como unha boa nova, pois segundo comentaron varios comerciantes, o consumo na vila “non acaba de despegar no día a día pese á suposta mellora da economía”.

Os premios
Xa é tamén unha tradición do Mercamelide premiar a confianza dos consumidores realizando sorteos. Nesta ocasión as dúas cestas con produtos locais foron parar a mans de Albino Santos (Melide), e de Silvia Romero (Arzúa). O premio maior, un vale de 500 euros para gastar nos negocios participantes, recaeu en Mª Carmen Codesido, veciña de Vitiriz (Melide).

500 euros

Cestas