De agora en adiante Melide será tamén un lugar de referencia turística para os hóspedes do Hotel Balneario Río Pambre. Asetem-Cca e a xerencia do complexo termal asinaron recentemente un convenio de colaboración que permitirá traer á vila tres veces ao mes ás persoas que se aloxan en Palas de Rei dentro do programa de Termalismo Social do Imserso.

Esta iniciativa é o resultado dunha das primeiras medidas postas en marcha pola nova directiva da patronal melidense para dinamizar o comercio local. Segundo explica o seu presidente, Manuel Vázquez, suporá “un goteo pequeno pero constante de visitantes que aproveitarán para levar un recordo, mercar un regalo ou tomar un café e que deixarán cartos nos nosos negocios”.

Dende Asetem-Cca estiman que esta iniciativa permitirá traer á vila a máis de 800 persoas cada ano. O programa de visitas comezará este mesmo mes de outubro, cando chegue o primeiro grupo, e realizarase de forma continuada. Tan só se interromperá no período comprendido entre finais de decembro e principios de marzo, xa que neste tempo se suspende tamén o programa de termalismo en Río Pambre.

 

Catro horas de lecer

Os visitantes chegarán a Melide cada dez días en grupos de arredor de trinta persoas. Farano de xeito gratuíto nun autobús fretado por Asetem e custeado polos 20 negocios asociados que decidiron implicarse directamente no proxecto. O autocar deixará aos turistas diante da capela de San Roque ás 16:00 horas  e recolleraos no mesmo lugar ás 20:00.

Para orientar a visita, Asetem-Cca, coa colaboración do Concello de Melide, deseñou e imprimiu 1.000 trípticos que inclúen un rueiro da vila e no que aparecen mencionados os principais puntos de interese histórico, como poden ser a Praza do Convento, o museo comarcal ou o Castelo. Do mesmo xeito, tamén se destaca a localización dos 20 comercios que participan no proxecto, coa imaxe corporativa de cada un deles e referencias ao tipo de produtos que venden. “As persoas que veñan van atopar unha oferta moi variada”, sinala Manuel Vázquez, “dende bares e tendas de roupa ou agasallos, ata xoierías e docerías”. Os trípticos serán entregados antes da visita e deixaranse tamén en todas as habitacións do balneario, de xeito que a información turística e comercial sobre Melide non só chegue ás persoas do Imserso senón tamén a todos os hóspedes do complexo hoteleiro.

 

Un bus para os veciñ@s

Ao mesmo tempo que contribúe co comercio local, Asetem-Cca considera que tamén a veciñanza pode sacar bo partido desta iniciativa. Por iso o autobús que transporte aos visitantes estará tamén dispoñible para as persoas da vila que queiran desprazarse ata o balneario. Ás 15:30 sairían de Melide e regresarían ás 20:30. Neste caso as persoas interesadas terán que pagar a viaxe de ida e volta a un prezo reducido pero a cambio gozarán de descontos por utilizar as instalacións do balneario.

Tríptico web 2