Os próximos días 26, 27 e 28 de novembro celebrarase no recinto feiral de Expocoruña, na cidade Herculina, o primeiro Encontro Empresas-Concellos. Organízao a Deputación da Coruña co obxectivo de “facilitar que os 93 municipios da provincia poidan coñecer os servizos existentes no mercado e as novidades que poñen á súa disposición diferentes empresas especializadas en diversos sectores, que a través deste foro lle poderán presentar aos concellos os seus produtos e servizos”.
Pechado xa o prazo de inscrición, confirmaron a súa participación neste evento pioneiro preto de 70 empresas pertencentes a sectores como formación, consultaría e xestión; servizos sociais e asistenciais; enerxía e medio ambiente; turismo, ocio e cultura; transportes; novas tecnoloxías; talas e desbroces; agricultura…
Para a Deputación da Coruña este encontro é unha oportunidade excelente para as empresas por varios motivos:
– Pódense facer contactos, ver tendencias de mercado, observar demandas insatisfeitas e ofrecer solucións aos problemas diarios na xestión da administración.
– Están ao dispor os 93 concellos da provincia, ademais doutras entidades como consorcios ou mancomunidades.
– Pódense compartir experiencias e establecer sinerxias con outros profesionais e empresas.
A entrada para o público é gratuíta, co obxectivo de facilitar que todos os interesados, desde os técnicos municipais ata os propios alcaldes, teñan a posibilidade de contratar diferentes servizos empresariais aos que a diario non teñen acceso. O recinto estará aberto mércores e xoves (26 e 27) de 10:00 a 20:00 horas e o venres (28) de 10:00 a 14:00 horas. Se queres asistir, podes descargar a entrada no seguinte enderezo web:
http://www.dicoruna.es/promocion-economica-turismo/i-encontro-entre-empresas-e-concellos/
Ademais dos stands que se instalarán no recinto feiral, de libre acceso para todos os que o desexen, as xornadas completaranse cun networking, mesas redondas e un calendario de presentación para as empresas que estean interesadas en presentar un produto concreto.