Poucas cousas hai tan seguras coma que en Melide sempre toca a lotería no Nadal. Non é a que cantan os nenos e nenas de San Ildefonso, pero si a que reparten durante un mes os   comerciantes da vila entre os clientes que os elixen para realizar as súas compras nestas datas especiais. Este Nadal toca en Melide, a campaña con máis tradición e mellor acollida de todas as que realiza Asetem, volve un ano máis con 6.000 euros en premios e algunha que outra novidade.

 

Un sorteo con espectáculo

Logo de 14 anos cun mesmo formato, a presente edición de Este Nadal toca en Melide terá un remate diferente: o tradicional sorteo que pon o punto e final á campaña, e que se celebrou ata agora no salón de actos da patronal, cambia de escenario. Será a Casa da Cultura o lugar onde este ano, ás 21:00 horas do día 8 de xaneiro, se extraian as papeletas premiadas. “Sabemos da expectación que xera o sorteo entre os clientes e quixemos darlle unha maior dimensión, acorde ao alcance e ao calado que ten a campaña de Nadal”, explica o presidente de Asetem, Manuel Vázquez.

Para iso, e en colaboración coa Concellería de comercio e promoción económica, estase a traballar para deseñar unha velada aberta ao público que incluirá actuacións de grupos musicais e que estará presentada por un rostro coñecido da TVG. O que non variará será o método de extracción, ante notario, dos número premiados. Tampouco cambia a contía dos premios, que volven sumar un ano máis 6.000 euros e que se distribuirán do seguinte xeito: un premio gordo de 2.000 euros, un premio de 1.000 euros, dez premios de 200 euros e dez premios de mil euros. “Cada ano supón un esforzo maior manter o nivel de premios”, apunta Manuel Vázquez, “agora o que agardamos é que a xente responda e confíen nas tendas de Melide para facer as súas compras de Nadal e Reis”.

 

Un mes de campaña

Máis de medio cento de negocios participan na 15ª edición de Este Nadal toca en Melide. A campaña, que botou a andar o 1 de decembro, rematará o 7 de xaneiro. Xa que logo, é algo máis dun mes o tempo durante o cal os establecementos inscritos repartirán preto de 50.000 papeletas entre a clientela.  Rematada a campaña e realizado o sorteo, Asetem fará pública a lista cos números premiados na súa páxina web, no Facebook e en Radio Melide. A partir dese momento as persoas agraciadas terán ata o 31 de xaneiro ás 13:00 horas para presentar as papeletas premiadas nas oficinas de Asetem. A entrega de premios realizarase a principios de febreiro no transcurso dun acto para o que aínda non hai data fixada.

 

Campaña de Nadal 2014