Todo comezo require un final. A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) púxolle o broche de ouro á campaña de Nadal coa tradicional entrega de premios. Foi o pasado día 5 de febreiro e realizouse un ano máis en Pulpería Ezequiel, que puxo desinteresadamente o seu local a disposición da patronal para celebrar o acto e compartir unha velada de petiscos entre premiados e comerciantes.
Con Manuel Vázquez, presidente de Asetem, e Ánxeles Vázquez, alcaldesa de Melide, como anfitrións, fóronse entregando un tras outro os 16 galardóns concedidos na 15ª edición da campaña Este Nadal toca en Melide; unha campaña que se caracterizou polo moito que tardaron en aparecer os clientes premiados. De feito, nalgún caso, non apareceron. Así foi que o segundo premio, dotado con 1.000 euros, quedou deserto ao non se presentar nin o titular do número premiado (que entregou Distribuciones Ribeirao), nin o do número que se extraeu en concepto de reserva (entregado por Perfumería Lyss).
A piques estivo de pasar algo semellante cos 2.000 euros do primeiro premio: non houbo noticias do cliente posuidor do 27.320, entregado por Cousas Novas, e o máximo galardón acabou caendo nas mans de Ana María Quintás, que tiña o número de reserva.
Isto fixo, ao mesmo tempo, que Librería Cousas entregase un ano máis o primeiro premio. E xa van tres case consecutivos: 2012, 2013 e agora 2015. Ademais, esta librería, rexentada por Ramón Vidal, entregou na presente edición outros catro premios, dous de 200 euros e dous de 100 euros. Certo é que a sorte tamén hai que tentala e que Librería Cousas repartiu entre os seus clientes 2.400 rifas. Os 55 negocios participantes na campaña entregaron en total algo máis de 47.000. No ranking de boletos repartidos, Xoiería Roval ocupa o primeiro posto, con 3.400 rifas repartidas. Neste caso a sorte foi máis esquiva, pois esta tenda da rúa Alexandre Bóveda non deu premios.
A última campaña da crise
Os clientes agraciados terán ata o 23 de febreiro para gastar os seus premios. Deberán facelo no comercio de Melide, que recibirá deste xeito unha pequena inxección de recursos nuns meses frouxos en canto a vendas. Dende a patronal amósanse “bastante satisfeitos” co transcurso da campaña e, tras observar algo máis de dinamismo nas tendas este Nadal, agardan que sexa “a última campaña da crise”.