A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) continúa coa sinatura de convenios con empresas de diferentes sectores para ofrecerlles aos seus asociados a posibilidade de contratar servizos en condicións vantaxosas.

Tras firmar recentemente acordos en materia bancaria e  de seguridade, agora fai o propio no eido da electricidade co obxectivo de facilitar as inspeccións periódicas das instalacións de baixa tensión, obrigatorias por lei dende 2003 para establecementos comerciais e industriais.

Neste caso o convenio asinouse cunha empresa da vila asociada a Asetem, Electricidade Vilela, que prestará o servizo a través de ECA, un organismo de control autorizado e acreditado pola ENAC (Entidad Nacional de Acreditación). A inspeccións das instalacións abranguerán tanto os controis como as probas regulamentarias que establece a normativa en vigor e serán realizadas por persoal especialmente cualificado e formado para a supervisión.

Os establecementos interesados en contratar este servizo non teñen máis que poñerse en contacto con Electricidade Vilela. Deberán facelo con tres días de antelación, como mínimo, respecto da data prevista para a execucións dos traballos. Tamén en Electricidade Vilela se poderán consultar os prezos, diferentes segundo a potencia contratada. Para todos os casos, as tarifas inclúen as taxas oficiais de tramitación establecidas pola Xunta de Galicia. En caso de que o titular solicite unha segunda inspección para emendar defectos na instalación, o prezo será un 50% máis barato que o da primeira visita.

 

Inspección obrigatoria

Dende o ano 2003 rexe en todo o territorio nacional o Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión, onde se recollen de forma detallada todos os aspectos a ter en conta no deseño, montaxe, posta en marcha e mantemento das instalacións. Entre as obrigas contempladas nesta norma figura a de realizar inspeccións periódicas tanto nas novas instalacións como nas xa existentes antes da entrada en vigor do regulamento. Neste último caso a supervisión non se realizará segundo os novos criterios técnicos, senón de acordo cos que se esixían no seu momento.

As inspeccións deben realizarse cada cinco anos. Faranse cada dez nas instalacións comúns dos edificios de vivendas con potencia total instalada superior a 100 Kw.

 

Inspección eléctrica

A quen lle afecta?

Deberán realizar inspeccións periódicas das instalacións eléctricas de baixa tensión os seguintes establecementos, entre outros: industrias, talleres e almacéns con potencia instalada superior a 100 kw, bares, cafeterías, restaurantes, hoteis, hostais, asilos, garderías, centros de saúde, clínicas (dentais, veterinarias, etc…), bibliotecas, museos, oficinas con presenza de público (bancos, seguros, xestorías, etc…), salas de conferencias, ximnasios, piscinas, pavillóns deportivos, discotecas e garaxes de máis de 24 prazas, teñan ventilación natural ou forzada.