Regresa “Unha voltiña por Melide”, a campaña posta en marcha o ano pasado por Asetem para traer periodicamente ata a vila ás persoas que se hospedan no Balneario Río Pambre (Palas de Rei) ao abeiro do programa termal do Imserso.
Esta iniciativa, que pretende contribuír á dinamización comercial da vila, retomarase o 14 de abril coa chegada do primeiro grupo de 28 visitantes e repetirase noutras 24 ocasións ata finais do mes de decembro. En total, serán algo máis de 600 as persoas que recalarán en Melide e que gozarán dunha tarde de ocio e compras a través deste programa.
Bus gratis ao balneario
Ao igual que se fixo o ano pasado, Asetem pon ao servizo da veciñanza de Melide o autobús contratado para a campaña, que poderán utilizar de xeito gratuíto aquelas persoas que se queiran desprazar ata o balneario. Ademais do transporte gratis, os veciños que acudan ao complexo termal neste autobús poderán gozar de descontos nas tarifas e de ofertas especiais.
Os días que chegarán as visitas a Melide e que, por tanto, se poderá utilizar o autobús de Asetem para desprazarse ao balneario son os seguintes: abril (14 e 23), maio (7, 14 e 28), xuño (4, 16 e 25), xullo (9, 16 e 23), agosto (6, 18 e 27), setembro (3, 17 e 24), outubro (8, 15 e 27), novembro (5, 19 e 26), decembro (8 e 17).
Nestes días o autobús sairá da capela de San Roque ás 3 da tarde e regresará ás 8 e media. É preciso inscribirse antes nas oficinas de Asetem.