Nos últimos dous anos vendéronse no parque empresarial de Melide máis parcelas ca nos seis anos anteriores. Nun momento de vacas fracas para a actividade industrial, a Madanela vive unha nova idade de ouro grazas, en parte, á política de redución de prezos do chan industrial aplicada pola Xunta de Galicia.

Na actualidade estanse a construír no polígono tres naves: unha estará dedicada á fabricación de pellets, outra ao envasado de castañas e a terceira albergará un taller mecánico. Ademais, outras dúas están pendentes de obter licenza para comezar as obras de construción. En total vendéronse 14 parcelas no parque da Madanela dentro das dúas convocatorias que houbo de venda de solo a prezos rebaixados. A día de hoxe quedan 19 libres. Segundo asegura o edil de promoción económica, Santos López, o Concello está a manter na actualidade conversas con varias empresas polo que, estima, “a finais de ano posiblemente queden menos de 10 parcelas sen vender”.

Da evolución do polígono deu boa conta o director xeral de Industria, Ángel Tahoces, que se desprazou ata a Madanela a finais de marzo. Na visita, e acompañado polo equipo de goberno municipal, mantivo unha xuntanza con mozos emprendedores interesados en adquirir novas parcelas para ampliar negocios xa existentes.

Imagen 008

 

O ÚLTIMO INTENTO PARA MELLORAR O ACCESO A INTERNET

O desenvolvemento da Madanela viuse coartado en non poucas ocasións polas limitacións a nivel de infraestruturas e servizos que presenta o polígono. Unha delas é o deficiente acceso a internet, que o goberno municipal intentará corrixir nun novo intento por garantir unha conexión e unha velocidade aceptables.

“É o noso cabalo de batalla”, explica a alcaldesa, Ánxeles Vázquez, “viñeron cen mil empresas de telecomunicacións e agora parece que hai unha que pode solucionalo”. Trátase, en concreto, de ONO, que xa realizou unha proba piloto e que está pendente de que o Concello lle dea permiso para instalar unha antena na parcela onde se habilitou o punto limpo.

A solucionar un problema “que non lle fai a vida fácil ás empresas aquí instaladas” contribuirá tamén o novo plan de banda ancha para polígonos que vai lanzar a Xunta. Esa foi unha das medidas anunciadas por Ángel Tahoces  durante a súa visita á Madanela xunto coa nova liña de axudas para a mellora de parques empresariais á que xa poden optar os concellos galegos. Está dotada con 1 millón de euros e subvencionará o 80% dos investimentos realizados, cun importe máximo de 120.000 euros.

Esta liña de axudas subvencionará sistemas de control e vixilancia, depuradoras de auga, instalacións de loita contra incendios, a xestión de residuos ou a instalación de sistemas para xerar enerxía. No caso do Concello de Melide, a rexedora xa avanzou que se vai pedir unha subvención para construír colectores de augas residuais e conectalos á depuradora municipal: “Augas de Galicia xa está traballando no proxecto e serán eles quen nos digan as liñas a seguir”, apuntou. Por outra banda, tamén se solicitará axuda para asfaltar varias vías dentro do polígono.

O parque empresarial da Madanela, con 250.000 metros cadrados, alberga 83 empresas e dá traballo a algo máis de 250 persoas.

IMG_3349