A Confederación de Empresarios da Coruña, en colaboración con Asetem, impartirá en Melide un curso gratuíto sobre Ferramentas Lean para mellorar a competitividade e a eficiencia das empresas. Terá unha duración de 25 horas e impartirase entre os días 22 de xuño e 2 de xullo de 19:30 a 22:00.

O curso está dirixido a traballadores en activo aínda que do total de prazas dispoñibles (20) tamén hai algunhas reservadas para desempregados. A inscrición debe realizarse a través da páxina web da Confederación de Empresarios da Coruña, indo ao apartado de formación e buscando o curso de Melide. En caso de dúbida, os interesados poden poñerse en contacto con Asetem, que lles axudará a realizar a xestión.

 

Que son as ferramentas lean?

O termo lean refírese a unha estratexia empresarial que consiste en poñer no mercado dun xeito áxil o que os potenciais clientes demandan. Logo, a posteriori, adáptase a produción e a comercialización á reacción do mercado.

O modelo Lean prescinde de estudos previos e de predicións: lanza o produto ou o servizo ao mercado e despois analiza a reacción dos clientes. A partir de aí, a empresa adapta o seu xeito de traballar e producir para ser máis eficiente e reducir custos.

O modelo Lean foi posto en marcha pola marca xaponesa Toyota e aquí en España unha das primeiras empresas en aplicalo foi Inditex, que xa en 1986 contratou enxeñeiros nipóns para desenvolver esta estratexia.

Temario

O curso estrutúrase en dez módulos a través dos cales o alumnado aprenderá diversas técnicas para mellorar a competitividade das empresas. Unha delas é a aplicación da filosofía Kaizen, unha verba xaponesa que significa “mellora continua” e que se basea na idea de que sempre se poden facer mellor as cousas ata acadar a calidade total. Tamén procede do xaponés o termo que dá nome a outro dos temas: Kanban, no que se aprenderá como xestionar mellor os stocks e as compras a provedores.

Outros temas afondarán na xestión dos tempos tanto dentro da empresa ou comercio como na relación cos clientes ou na solución de problemas loxísticos e conflitos internos. O alumnado tamén abordará o método das 5 S´s, denominado así pola primeira letra do nome en xaponés que designa cada unha das etapas desta técnica de xestión: clasificación, orde, limpeza, estandarización e disciplina.

Por último, tamén haberá tempo para coñecer os chamados Mapas de fluxo de valor; unha técnica gráfica que permite visualizar todo un proceso e entender completamente o fluxo de información e os materiais necesarios para que un produto ou servizo chegue ao cliente. Con esta técnica identifícanse as actividades que non agregan valor ao proceso para posteriormente eliminalas.

 

 

5S