Xa está aquí a sexta edición do Melide de Tapas, o concurso de petiscos que organiza a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) e que desta volta chega con máis dunha novidade.

A primeira delas é o cambio nas datas, que se meten no tempo de verán “para ofrecerlles unha alternativa de ocio máis aos moitos visitantes que se achegan á vila nesta época do ano”, explica Manuel Vázquez, presidente da patronal. Deste xeito o concurso, que antes se celebraba en dúas fins de semana do mes de xuño, celebrarase este ano de xeito continuo entre o 24 de xullo e o 2 de agosto, ámbolos dous días incluídos. Pero sen dúbida a maior novidade está nos premios que se sortearán entre os clientes  ao remate da ruta, moito máis numerosos ca en edicións anteriores.

O concurso de tapas ponse en marcha cun total de 14 participantes. Malia que inicialmente tamén estaba aberta a posibilidade de participar con cócteles, a falta de iniciativa dos participantes neste eido fixo que de deixase para retomar posteriormente nunha vindeira edición. Todas as propostas presentadas ao concurso foron supervisadas previamente polo chef profesional Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas de Lalín e da plataforma Bendita Cocina. O propio cociñeiro, tras dar o seu asesoramento e realizar algunhas achegas, recoñeceu que as propostas realizadas “poden ser tapas de gran nivel”.

Chef en Casa Estilo         Chef en Tenda Xebre

 

 

Chef en Pulpería Taboada           Chef en Novo Valente

 

Os participantes nesta edición son:

  1. Casa Alongos. “Crema de melón con xamón”
  2. Pulperia Taboada. “Filloa Taboada”
  3. Restaurante Novo Continente. “Tosta que mole”
  4. Parrillada Pilmar. “Saltamontes”
  5. Cafeteria Estilo. “Berbequecho”
  6. A Boa Viña. “Pementos recheos”
  7. Novo Valente. “Brocheta Valente”
  8. Cafe Bar Godiva. “Arepa Reina Pipiada”
  9. Cafe Bar Cire. “Toma-Tada”
  10. Restaurante Chiquitín. “Montame outra Vez”
  11. Cervexería Breogán. “Breoburguer”
  12. Bar Stop. “Tosta da Terra”
  13. Tenda Xebre. “Larpeirada Xebre”
  14. Cervexería A Fundación. “Segredo de menta”

 

O prezo de todas as tapas será de 1 euro. Os clientes poderán entrar no sorteo de varios premios polo simple feito de probar e puntuar as tapas. Poderán facelo cubrindo as papeletas de puntuación que atoparán nos establecementos e depositándoas nunha urna que tamén haberá en cada un dos locais.  Tamén en calquera dos negocios participantes poderán atopar un pasaporte que, en caso de ser cuberto co selo dos 14 locais e e depositalo en calquera das urnas, dará acceso a premios máis importantes.

Nesta edición as redes sociais serán moi importantes tamén. Unha das novidade é que se convocou un concurso para formar parte do xurado profesional que valorará as tapas. Para optar a ocupar ese posto, os/as interesados/as deben publicar no Facebook, Twitter ou instagram do Melide de Tapas a razón pola que creen que deberían ser xurado coa etiqueta #melidedetapas15. O máis orixinal será o seleccionado. Por outra banda, a persoa máis activa nas redes sociais ao longo de todo o concurso utilizando a etiqueta de #melidedetapas15, terá un premio directo.

A decisión de cales serán as mellores tapas correrá a cargo dun xurado profesional, que estará composto por cociñeiros, xornalistas, actores e bloguers. Serán os que decidan cales son as tres mellores tapas do Melide de Tapas 2015.

 

Casa Alongos. Crema de melón con xamón      Bar Stop. Tosta da terra

 

A Boa Viña. Pementos recheos     Pulpería Taboada. Filloa Taboada

 

Premios e empresas colaboradoras

Coma sempre, a colaboración das marcas é moi importante para facer un concurso máis atractivo. Tanto socios de Asetem como outras entidades, colaboran activamente este ano co Melide de Tapas: Concello de Melide, Cárnicas García, Balneario Río Pambre, Bodegas Mejuto, Pazo de Eidián, Nordesía, a D.O.P. Arzúa-Ulloa, Parrillada Pilmar, Casa Alongos e Galicia Calidade. Tamén a Xunta de Galicia a través da Dirección xeral de Comercio.

 

Premios para sortear entre as papeletas de votación:

  • Lote de queixos da D.O.P. Arzúa-Ulloa.
  • Lote de Cárnicas Grupo García.
  • Lote de produtos Bodegas Mejuto.
  • Lote de produtos ecolóxicos Casa Alongos.

 

Premios para sortear entre os que cubran os pasaportes completos:

  • Aloxamento con almorzo e acceso a Spa nun establecemento de Galicia Calidade
  • Fin de semana no Pazo de Eidián. Aloxamento.

 

Premio para a persoa máis activa nas redes sociais:

  • Cea para dúas persoas na Parrillada Pilmar de Melide.

 

Premio para o establecemento gañador á mellor tapa (xurado profesional):

  • Visita a adega e cata, máis comida para catro persoas, en establecementos pertencentes a Galicia Calidade.