Visitantes e clientes habituais teñen unha cita obrigada o venres 31 de xullo co comercio melidense. Vinte establecementos asociados a Asetem participarán ese día nunha xornada con descontos extraordinarios e un horario de apertura excepcional.

En concreto, as tendas permanecerán abertas ata as 00:00 horas e dende as 17:00 farán grandes descontos e promocións interesantes nalgúns dos seus produtos e servizos. A clientela poderá visitar sen ningún compromiso os establecementos, que terán liberdade para facer as súas propias promocións: 50%, 60%, 70% de rebaixa, segunda prenda a prezo reducido, dous por un, agasallos por cada compra realizada, tickets desconto para futuras compras…

A través desta iniciativa, organizada por Asetem en colaboración co Concello de Melide, os bos prezos están garantidos, ao igual que a variedade de produtos con desconto, pois na Noite Aberta participan tendas de numerosos sectores: moda para o fogar, librería, alimentación, lencería e mercería, zapatería, óptica, bixutería, xoiería, electrodomésticos, deportes, complementos e moda infantil, xuvenil e para adultos.

 

Decoración especial, animación na rúa e tapas

Será moi doado para os clientes identificar os establecementos que participan na Noite Aberta do comercio melidense, pois ese día lucirán a partir das cinco da tarde unha decoración especial: alfombra vermella na entrada e globos brancos á beira das portas, nos escaparates e no interior dos propios comercios, ademais do cartel identificador da campaña, servirán para saber onde se aplican descontos ese día.

A xornada será tamén unha noite divertida na que mercar en Melide pagará a pena aínda que sexa polo bo ambiente que se vivirá nas rúas da vila ese día. A agrupación musical As maruxeiras tocará en directo facendo percorridos polos diferentes establecementos e locais de hostalería. Ademais tamén haberá animación a cargo de actores que levarán a caricatura e a globofexia á rúa ademais de agasallar caramelos para os clientes máis cativos.

Por outra banda, a Noite Aberta coincidirá coa edición estival do Melide de Tapas. Deste xeito, a oferta gastronómica dos 14 bares que participan na sexta edición deste concurso será un atractivo engadido á xornada de compras con descontos. A gastronomía saltará incluso a algunha das tendas, que ofrecerán pinchos e refrixerios para os visitantes. Tamén haberá degustación de vermú por cortesía da marca Nordesía, que distribuirá varias botellas por establecemento.

 

Sorteo de 20 agasallos

O colofón a esta xornada especial de compras poñerao un sorteo que se celebrará a partir das 00:00 horas no Cantón de San Roque entre todas as persoas que mercasen nalgunhas das tendas participantes. Para iso os establecementos quedaranse cun duplicado do ticket de compra non que escribirán o nome do cliente. Ao final da noite depositaranse todos nunha urna e extraeranse os premiados polo sistema de man inocente.

Á espera de pechar a lista definitiva de premios, algúns dos que xa están confirmados son: unha sesión termal no Balnerario Río Pambre, un conxunto de bolso e billeteira, unhas gafas de sol, un vale de 50 euros, uns zapatos e un par de queixos da D. O. Arzúa-Ulloa.

 

 mELIDE TAPAS copia