A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) vén de presentar un escrito na Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia para solicitar que se revisen os límites de velocidade instalados este verán na estrada que comunica a vila con Santiago.
A patronal melidense tomou a iniciativa, logo de recibir numerosas queixas por parte de veciños e empresarios, co obxectivo de transmitirlle á administración central “a inquedanza provocada pola recente reforma na sinalización da N-547”. Os cambios acometéronse despois de que no mes de xuño falecese atropelada unha peregrina no concello do Pino. A día de hoxe, no tramo comprendido entre Melide e Lavacolla, cunha lonxitude de 42 km, contabilízanse ata 32 sinais de limitación de velocidade a 70 km/h e un bo número de tramos limitados a 50 km/h, ao que hai que engadir os correspondentes indicadores de fin de limitación.
Todo isto, segundo trasladou Asetem no seu escrito, provoca “unha enorme confusión e dificulta a condución segura”. O colectivo de empresarios considera que os cambios na sinalización se realizaron “dun xeito apresurado e pouco meditado” e alertan de que “a errática e excesiva limitación de velocidade” na principal vía de comunicación con Santiago tamén limita os negocios da vila no desenvolvemento da súa actividade diaria.
En base a esta argumentación, Asetem pide “que se proceda a valorar e modificar” a sinalización sen deixar de ter en conta que a N-547 “é unha vía con moitos sinistros”.