Os comerciantes de Melide engadiron este ano unha suxestión ao tradicional balance de vendas que acompaña cada clausura do Mercamelide: que sexa Asetem, como entidade que aglutina a boa parte do  comercio local, quen organice  en exclusiva a feira de saldos que dúas veces ao ano acolle o Pazo de Congresos e cuxa decimosexta edición tivo lugar os pasados días 29 e 30 de agosto. A aposta por esta opción suporía xa que logo deixar aparcada a fórmula que se vén empregando nos últimos anos, na que o Concello organiza o evento en colaboración coa patronal.

A petición, expresada por varios dos comerciantes presentes na feira de agosto, responde ao descontento con algúns aspectos organizativos da última edición e á necesidade de que haxa un interlocutor claro ao que dirixirse e esixir, de ser o caso. Así o manifestaron numerosas voces, que engadiron tamén queixas sobre o “declive” desta edición de verán: “hai que seguir innovando porque se está facendo aburrido, cansino”, apuntaba ao termo da feira unha comerciante, que ilustraba graficamente a súa opinión sobre o evento: “isto é como cando comes sempre tortilla, está moi boa pero acábate enchendo”. Nunha liña semellante, outra tendeira aseguraba botar de menos “animación, que haxa algo para ver e que manteña a xente aquí”.

Ademais das actividades de ocio que se viñan realizando en edicións anteriores, os participantes botaron en falta a participación de máis negocios (asistiron sete menos ca na edición de 2014), unha parte  na que entoan o mea culpa: “aínda que esta feira sexa menos rendible cá do inverno, deberían de vir todos os comercios”, apuntaba o propietario dunha tenda.  Sería un xeito de evitar a “sensación de baleiro” da que se queixaba outra participante: “parece que non hai nada que ver e así damos moi mala imaxe”.

 

Reformular a feira            

Malia as queixas e discrepancias, os comerciantes consideran necesario manter o Mercamelide e coinciden á hora de sinalar que é beneficioso para os seus negocios: “esta feira que non ma quiten”, di unha tendeira, ao que responden dende o stand do lado que “sempre compensa, aínda que só sexa por desfacerte de mercancía e meter na tenda outra nova”.

Con todo, no marco da opinión, xurdiron tamén propostas para manter intacto o Mercamelide de inverno e transformar o de verán nunha Noite Aberta, potenciando e reforzando a iniciativa de horarios e descontos especiais que xa se realizou este ano a finais de xullo.

Esta posibilidade, que tería que ser consensuada cos comerciantes, xa fora abordada por Concello e patronal en reunións anteriores. Sobre a petición de organizar o Mercamelide en solitario, Asetem non fixo ningún pronunciamento.