A Asociación de Bombeiros de Galicia, en colaboración con Asetem, impartirá en Melide un curso de prevención e extinción de incendios en vehículos de transporte. Celebrarase o sábado 17 de outubro, de 10 da mañá a 2 da tarde, no Polígono Industrial da Madanela.
O curso, que será impartido por especialistas na materia, está deseñado para que os participantes aprendan como reaccionar en caso de incendio no seu vehículo. Falarase dos tipos de lume e de como se comportan os diferentes materiais do automóbil anta as chamas. Tamén se abordarán os riscos derivados do incendio e a mellor maneira de protexerse. A xornada inclúe prácticas con lume real nun vehículo. O programa formativo está integrado polos seguintes temas:
- Teoría do lume
- Medidas de prevención
- Medios de extinción de incendios
- Actuacións en caso de incendios
- Manexo de extintores
- Manexo das bocas de incendio
- Prácticas
Este curso de prevención e extinción de incendios en vehículos está dirixido a traballadores e traballadoras en activo, que poderán realizalo con cargo ás cotas de formación da Seguridade Social. As persoas interesadas en participar deben anotarse na Asociación de Bombeiros de Galicia antes do día 10 de outubro. Poderán facelo chamando ao número de teléfono 649 24 30 28 ou escribindo á dirección de correo electrónico ascbombeirosdegalicia@yahoo.es