Cómpre coñecer dende ben cativos as vantaxes do comercio de proximidade e a transcendencia que ten no desenvolvemento de calquera vila. Partindo desta máxima a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem), en colaboración coas Anpas dos tres colexios da vila, organiza un concurso de debuxo que persegue “promover o comercio local entre os estudantes de infantil e primaria e facelos reflexionar sobre a súa importancia”.

Baixo o título “O comercio da túa vila”, a actividade desenvolverase durante as vacacións de Nadal e nela poderán participar de xeito individual todas as nenas e nenos que sexan socios das Anpas. Xusto antes de que rematen as clases, entregaráselle aos cativos unha folla informativa como a que figura no fondo desta páxina que lles servirá como guía. A partir de aí farán os debuxos nas súas casas e terán liberdade para abordar diferentes aspectos relacionados co pequeno comercio. Os traballos, que se farán sobre papel ou cartolina en tamaño DIN A-4, terán que levar un título e deberanse entregar nas sedes das Anpas antes do día 10 de xaneiro.

 

Exposición e premios

Co fin de lograr unha maior difusión dos debuxos, Asetem, de acordo cos titores dos cativos, expoñerá as creacións nos escaparates dos comercios e nos locais de hostalería da vila.

Ademais tamén se concederán varios premios mediante un sorteo que se realizará no mes de febreiro, en coincidencia coa celebración do Mercamelide de inverno. En total sortearanse 200 euros en vales de compra de 20 e 30 euros que se poderán gastar en calquera tenda asociada a Asetem. Haberá tamén sorteo de agasallos sorpresa.

Co concurso O comercio da túa vila Asetem colabora de novo coas tres Anpas de Melide, logo de telo feito con anterioridade en campañas como a do Bono Asetem. Dende a xunta directiva manifestan a súa intención de “seguir  mantendo unha liña de colaboración no futuro para achegar os cativos ao noso comercio”.

paint