O Pazo de Congresos e Exposicións acollerá a fin de semana do 20 e 21 de febreiro unha nova edición do Mercamelide, que chegará na quenda de inverno con algunhas novidades para consumidores e visitantes.

A organización, que integran o Concello e a asociación comarcal de empresarios (Asetem), decidiu introducir algúns cambios no que ás actividades complementarias se refire para manter o atractivo  deste evento comercial, que vai xa pola 17ª edición. “O que quixemos facer foi conservar a esencia da feira, que está funcionando ben, pero introducir un pequeno sopro de aire fresco para que a xente que acuda atope cousas diferentes”, explica Manuel Vázquez, presidente da patronal.

 

Rosquillas de Melide

Unha das principais novidades está na oferta gastronómica que tradicionalmente acompaña a edición de inverno do Mercamelide. A filloeira de Lestedo, presente nos últimos anos, dará paso ás rosquillas de tixola, que serán repartidas de xeito gratuíto entre todas as persoas que presenten un tícket de compra. Con esta iniciativa a organización pretende, por unha banda, darlle cabida aos negocios de repostería da vila e  por outra poñer en valor un produto típico de Melide que se está perdendo.

 

Sorteo de vales de compra

Outro dos cambios afecta aos agasallos sorteados durante a fin de semana entre os clientes da feira. Neste caso, as cestas con produtos de alimentación darán paso a vales de compra, cun valor aínda por determinar, que os premiados poderán empregar en calquera dos comercios participantes no Mercamelide. Sortearanse tres vales ao longo desa fin de semana e a maiores, como colofón, un premio maior de 500 euros. Tamén está confirmado que haberá actividades de animación infantil na tarde do sábado.

Non haberá variacións no que á oferta comercial se refire. A falta de que peche o prazo de inscrición o próximo día 5 de febreiro, agárdase a participación de máis de 30 comercios de sectores variados. “Coma sempre, no Mercamelide poderase atopar de todo e a bo prezo”, destaca Manuel Vázquez.