Conservando a esencia de sempre e incorporando novos atractivos, chega na fin de semana do 20 e 21 de febreiro o Mercamelide de inverno, que na súa 17ª edición seguirá sendo a mellor oportunidade para facer un negocio redondo en base a calidade e prezo reducido, as dúas características definitorias desta feira de saldos xa consolidada no almanaque comercial e distintiva do comercio melidense.
Organizada polo Concello de Melide en colaboración con Asetem, a cita fará que durante dous días o Pazo de Congresos e Exposicións se converta nun outlet baixo teito, nun centro comercial das rebaixas e das ofertas, xa non só pola variedade de artigos a baixo prezo que se poden atopar, senón tamén pola oferta de ocio complementario e polo amplo horario de apertura (de 11:00 a 20:00 horas)
Máis mercancía
Nesta edición estarán presentes 25 comercios da vila, unha cifra lixeiramente inferior á trintena que participa habitualmente pero que para nada afectará á variedade de produtos que se poñerán á venda. Máis ben ao contrario, xa que unha das novidades do XVII Mercamelide é que por primeira vez aqueles negocios que así o solicitaron poderán dispor do dobre de metros no seu stand, o que se traducirá nun maior volume de mercancía.
Por outra banda seguirán estando representados todo tipo de sectores comerciais: ademais da roupa e do calzado, a clientela tamén poderá mercar mobles, electrodomésticos, froita e mesmo maquinaria industrial.
Sorteo de 500 euros
Comprar no Mercamelide ten premio, e nada desprezable. Cincocentos euros poderá levar a persoa afortunada no sorteo que se celebrará o domingo ás 19:30 horas entre todos os consumidores que realizasen algunha compra. Ademais, haberá outros tres sorteos de contías menores: o sábado ás 13:30 e ás 19:30 e o domingo ás 13:30.
Convidadas de luxo
Máis alá das ofertas, dos grandes descontos e das gangas, a XVII edición do Mercamelide terá tamén outras protagonistas: as rosquillas de sartén, que asoman por primeira vez á feira de saldos e que poderán degustar de xeito gratuíto os asistentes acompañadas dun vaso de chocolate quente.
Este doce propiamente melidao, típico da época de Entroido, substituirá ás filloas da máquina de Lestedo, que veu participando nas últimas edicións. A organización, en colaboración coa Asociación de Repostería Tradicional “Melide Terra Doce”, decidiu facerlle un oco ás rosquillas de sartén para apostar polo produto local e ao mesmo tempo para darlles visibilidade e intentar recuperalas xa que, a diferenza do rico, do melindre e do amendoado, foron perdendo presenza nas sobremesas.
As rosquillas de sartén poñerán o complemento gastronómico no Mercamelide e as actividades infantís programadas para o sábado pola tarde, o contrapunto de ocio. A isto haille que sumar a propia área de xogos do Pazo de Congresos, que estará dispoñible para o seu uso.
Os nenos e nenas tamén serán protagonistas, pois o sábado ás 19:00 farase a entrega de agasallos a todos os escolares que participaron no concurso O comercio da túa vila, organizado por Asetem durante as vacacións de Nadal en colaboración coas ANPAs dos tres colexios de Melide para dar a coñecer o comercio local.