Responsables da empresa Medancli Enerxía presentaron ante os socios e socias de Asetem o seu proxecto para instalar en Melide unha rede urbana de calor con biomasa que convertería a vila nun referente, pois sería a primeira de toda Galicia na que funcionase este sistema de abastecemento de calefacción e auga quente a partir da combustión de materia orgánica.
Un dos aspectos que destacaron dende Medancli Enerxía foi o do aforro que suporía a rede de calor para o usuario final, que gastaría na actualidade un 15% menos con respecto aos sistemas convencionais e ata un 45% en caso de que o petróleo chegue a recuperar os prezos de hai un par de anos. Isto explícase pola estabilidade no prezo da biomasa e pola súa abundancia en Galicia. Precisamente a ubicación céntrica de Melide e a importante actividade forestal da zona foi un dos motivos que levou a Medancli Enerxía a escoller o municipio para desenvolver o proxecto. Iso xunto co apoio do goberno local, que ve na rede de calor unha oportunidade para crear postos de traballo directos e indirectos.
De saír adiante a rede de calor dará servizo a unhas 1.200 vivendas, aínda que nunha primeira fase acoutaríase o ámbito e investiríanse 2,2 millóns de euros do custo total de 4 millóns que tería o proxecto, subvencionado pola Xunta de Galicia. Para a súa entrada en funcionamento construiríase unha sala de caldeiras a carón do instituto onde se queimarían unhas 48 toneladas de materia orgánica á semana e despregaríase unha tubaxe pola que circularía o vapor ata os edificios e vivendas, nas que habería que instalar adaptadores. Non terían custo ningún para o usuario como tampouco habería que pagar os dereitos de acometida.
Tras realizar unha recollida de firmas e presentalas na Xunta, Medancli agarda comezar cos traballos en maio e rematalos en novembro.