IMG_9161Trala boa experiencia do ano pasado, satisfactoria tanto para negocios como para clientes, o comercio de Melide asociado a Asetem pon en marcha a segunda edición da Noite Aberta, unha xornada con horarios de apertura excepcionais e grandes descontos en todo tipo de produtos.

Celebrarase o venres 17 de xuño e nela participarán 28 establecementos comerciais, nove máis ca na primeira edición. Todos eles abrirán as súas portas ese día ata a media noite e a partir das 17:00 horas comezarán a aplicar grandes descontos en boa parte dos artigos que teñen á venda. O cliente poderá beneficiarse de rebaixas de entre o 20% e o 60%, ofertas de ata 3×1 e promocións especiais. Cada establecemento poderá establecer libremente os seus propios descontos pero, en todos os casos, acadarán niveis propios dos últimos días de rebaixas.

O notable incremento de participación nesta segunda edición da Noite Aberta traducirase nunha maior oferta e variedade para os consumidores, que poderán atopar rebaixas nos produtos dos seguintes sectores: roupa e calzado para adultos e cativos, xoias, óptica, complementos, cosmética e perfumería, lencería, deportes, electrodomésticos, alimentación ecolóxica e delicatessen, parafarmacia, librería e ferraxería.

 

 

Un día de festa

Ademais dunha xornada de prezos reducidos, o venres 17 de xuño será un día de festa no comercio de Melide e por iso as tendas participantes lucirán unha decoración especial para a ocasión composta por unha alfombra vermella e globos. Este será tamén o distintivo ao que deberán de estar atentos os clientes para saber que tendas ofrecen descontos.

IMG_9700 IMG_9665

IMG_9168 IMG_9148 IMG_9170

Por outra banda ofrecerán petiscos de queixo grazas á colaboración do Consello Regulador da D. O. Protexida Arzúa-Ulloa. Os atractivos da Noite Aberta non só estarán no interior dos comercios, senón tamén na rúa, onde os diverpallasos animarán a tarde  con bromas e globoflexia nas súas visitas de tenda en tenda. Haberá tamén unha actuación musical nos momentos previos ao sorteo de agasallos que poñerá punto e final a esta xornada. Dito sorteo comezará ás 00:00 horas no Cantón de San Roque e nel repartiranse agasallos cedidos polos comercios entre os clientes que realizaron algunha compra ao longo da tarde. Para poder recibir o premio é necesario estar presente no momento do sorteo.

 

Sorteo de premios ás 12 da noite no Cantón de San Roque

IMG_9999As persoas que se acheguen á Noite Aberta do comercio de Melide teñen unha cita ás 00:00 horas no Cantón de San Roque, onde se rifarán máis de vinte regalos cedidos polos comercios. Para participar no sorteo abonda mercar nalgún dos establecementos participantes. Os tendeiros quedaranse cunha copia de cada tícket de compra no que  anotarán o nome do cliente e ao final da noite depositaranos todos xuntos nunha urna. Os tíckets premiados elixiranse polo sistema de extracción con man inocente. Para poder levar o agasallo é preciso que a persoa premiada estea presente no momento do sorteo.

Os regalos que se sortearán son cinco vales de 50 euros, dou vales de 25 euros, dúas gafas de sol, un conxunto de bolso e carteira, unha camiseta de señora, un casco de motorista, un tensiómetro, tres mochilas, unha manta infantil, dous pixamas, unha gravadora de voz, un reloxo para señora ou cabaleiro e un neceser con produtos cosméticos.

Ademais, por cortesía do Hotel-Balneario Río Pambre, situado na localidade veciña de Palas de Rei, tamén se sorteará un paquete termal para dúas persoas que inclúe circuíto termal, baño de parafango e sesión de masaxe antiestrés.

Ningún dos agasallos será entregado no momento do sorteo, a excepción dos vales-desconto. As persoas afortunadas recibirán unha tarxeta de Asetem que deberán presentar na tenda que corresponda para poder recoller o regalo.