O éxito dun Mercamelide non só se mide polo nivel de vendas e pola maior ou menor afluencia de público, senón tamén polas propostas e iniciativas futuras que achegan os comercios participantes a raíz da súa propia experiencia. Neste senso, a 18ª edición deixou enriba da mesa a idea de celebrar unha feira da automoción que reúna baixo o mesmo paraugas aos diferentes representantes do sector na vila, unha proposta formulada polos concesionarios que estiveron presentes na última edición:  Kia e Talleres Mejuto (Opel).

Ámbolos dous foron a principal novidade do XVIII Mercamelide, ao que acudiron para amosar ao público os últimos modelos das respectivas marcas. “A nosa intención é que a xente saiba que estamos no polígono, por iso vemos nesta feira un xeito de darnos a coñecer máis ca de vender”, declarou a responsable de Kia en Melide, Mar Fiúza, “agora mesmo é un investimento que nos supón máis gastos ca beneficios pero calquera tipo de mostra compensa a longo prazo”. Na mesma liña se pronunciou Manuel Mejuto dende o concesionario oficial de Opel na vila: “vimos para ensinar, non para vender”, asegurou, “o 90% da xente non coñece os modelos e por iso hai que presentarse e facerse ver; a partir de aí vén o resto”.

 

Feira de automoción

Tala súa participación no Mercamelide os dous concesionarios coincidiron á hora de sinalar que a experiencia “tivo resultado para ser o primeiro ano” pero que a feira “ganaría moito máis se estivese implicado todo o sector”. Nesa liña trasladáronlle á Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem), da que forman parte como socios, a conveniencia de organizar “unha feira de automoción como se facía antes, na que participe o maior número posible de concesionarios e na que poidamos presentar os modelos de coches que temos”, comentou Manuel Mejuto.

Desa idea tamén é partidaria a responsable de Kia, quen considera necesario que a mostra se abra “incluso ás tendas de recambios, de rodas e outras relacionadas co sector”. Baralla como boas datas para organizala os meses de abril ou maio e propón enfocala “como unha exposición e non tanto como unha feira”.

Con esta proposta enriba da mesa Asetem, que xa foi quen animou aos concesionarios a participar no Mercamelide “para darlle máis visibilidade a un sector con moito potencial”, estuda agora o xeito de levar do papel á práctica esta posible feira da automoción.