A Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia impartirá en Melide unha charla sobre Atención ao cliente nos restaurantes do Camiño. Será o luns 24 de outubro de 10:00 a 13:00 horas e impartirase no salón de actos de Asetem.
Trátase de formación gratuíta dirixida a propietarios e traballadores de negocios de hostalería como restaurantes, bares ou cafeterías, especialmente aqueles que serven comida. O obxectivo deste curso, promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Asetem, é mellorar a calidade do servizo e conseguir que sexa o máis profesional posible. Os contidos vanse estruturar en tres bloques diferentes: técnicas de atención ao cliente, tipoloxías de cliente e tratamento de queixas e reclamacións. Ao remate da xornada os participantes obterán un diploma de asistencia.
A inscrición pódese realizar a través da páxina web do Centro Superior de Hostalería de Galicia, entrando no apartado de “Consultoría e formación”, ou ben poñéndose en contacto con Asetem.
Non é a primeira vez que a Escola Itinerante de Turismo e a patronal melidense unen esforzos para proporcionar formación adaptada aos novos perfís profesionais e fomentar unha atención de calidade nos negocios do Camiño de Santiago. Xa en 2015 se realizou un curso dirixido a persoal de albergues para peregrinos e para o vindeiro mes de novembro están programadas novas charlas sobre as cales se irá achegando información.
Ao longo do ano pasado o Centro Superior de Hostalería de Galicia impartiu 38 cursos en sete destinos turísticos de Galicia con necesidade de mellorar a calidade nos seus restaurantes. Participaron un total de 326 alumnos.