Volven as chuvias e baixan as temperaturas. É momento de renovar o armario e o comercio de Melide está cheo de propostas para todos os gustos.
Co obxectivo de dalas a coñecer entre a clientela da comarca e arredores, Asetem celebrará este sábado unha pasarela de moda na que os establecementos asociados presentarán as súas respectivas coleccións para a tempada outono-inverno que acaba de arrincar. A pasarela dará comezo a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura e nela participarán dezaseis tendas de Melide: dez de roupa, dúas zapaterías, tres ópticas e un comercio de complementos.
Durante a hora que aproximadamente durará o desfile, o público asistente poderá ver propostas para home e muller de todas as idades; dende cativos a partir de tres anos ata moda sénior, pasando por deseños orientados para a mocidade. Haberá tamén roupa de festa e cerimonia. Encargaranse de lucir todos estes deseños 46 modelos amateur da vila (16 nenos e 30 adultos) elixidos polas propias tendas participantes e tamén no caso dos máis cativos a través dun casting que realizou Asetem en semanas previas.
Melide está de Moda terá unha posta en escena dinámica e alegre na que se proxectarán fotografías de cada unha das tendas e se irán describindo os deseños presentados. A decoración, con mobles e flores de inspiración vintage, tamén correrá a cargo de dous negocios da vila especializados. Nos intres previos ao desfile, e tamén ao seu remate, o público asistente poderá retratarse nun photocall cos modelos participantes, propietarias de tendas ou amizades. Ao realizarse nun espazo con aforo limitado como é a Casa da Cultura, o acceso ao desfile farase mediante presentación de entrada. A día de hoxe xa foron distribuídas todas a través das tendas participantes.
Melide está de moda é unha iniciativa que xurdiu a proposta dos propios comerciantes asociados e que Asetem non dubidou en apoiar dende o primeiro momento. En palabras do presidente da patronal, Manuel García, “sempre tivemos interese por potenciar a imaxe de Melide como o centro comercial aberto que somos e este proxecto, sen dúbida ningunha, contribúe a iso”. É a segunda vez que Asetem organiza unha actividade destas características. A primeira pasarela de moda realizouse no ano 2011 no Pazo de Congresos.