Dairylac, empresa dedicada á fabricación de derivados lácteos con base no polígono da Madanela, apostará por Melide como lugar dende o que expandir o seu proxecto industrial. O consello de administración da compañía acaba de dar luz verde á construción dunha torre de secado de leite a carón da planta de 10.000 cadrados que xa ten no parque empresarial melidense.

As obras comezarán de xeito inminente e suporán un investimento próximo aos 12 millóns de euros, dos que a Consellería do Medio Rural achegará case 5. Unha vez que estean rematadas (previsiblemente na primavera de 2018, pois os traballos teñen un período de execución de 18 meses), a compañía será quen de procesar 300.000 toneladas de leite ao ano.

A construción desta torre de secado é unha peza clave do plan estratéxico da compañía para producir leite en po, produtos de alimentación infantil, proteínas e outros derivados lácteos a partir do soro procedente da elaboración de queixos. Segundo subliña a dirección de Dairylac “esta é a alternativa para impulsar o valor do campo galego e para evitar o peche das explotacións, porque o futuro do sector lácteo xa non pode sosterse só na venda do leite e na elaboración de queixos”.

 

A mellor oferta

Con todo, a produción de queixos a grande escala con destino aos mercados de España e á exportación tamén está no punto de mira de Dairylac como parte da súa estratexia expansiva. Por iso a compañía vén de redobrar os seus esforzos para adquirir os activos de Lácteos Pérez Olveira e Alimentos Ruta Xacobea, actualmente en concurso de acredores.

Na poxa por mercar estas queixerías, a empresa galega compite co grupo catalán Teodoro García Trabadelo (TGT), que ata agora presentara a oferta máis elevada. Non obstante, Dairylac acaba de mellorar “substancialmente” a súa elevándoa ata os 6.346.281 euros, o que supón un incremento do 24% con respecto á oferta formulada inicialmente e 286.000 euros máis cá de TGT. Ademais a nova proposta de Dairylac inclúe unha achega de 724.000 euros para facerlle fronte ás débedas que Lácteos Pérez Olveira mantén cos seus gandeiros provedores.

A dirección explica que esta aposta responde á vocación da compañía de construír un proxecto lácteo “a longo prazo, protagonizado polos gandeiros galegos e pensado para xerar valor engadido sobre a materia prima”, xa que se busca “socializar os beneficios, ao ter entre os accionistas aos cooperativistas”.

Dairylac constituíuse en setembro do ano pasado sobre a base da antiga Lasurgal, coa participación das cooperativas Icos (Chantada) e Codeira (Portoramín) auspiciada pola Xunta a través de Xesgalicia, que posúe un 25% da participación.

 

dairylac-3