O pasado 2 de outubro entraron en vigor os cambios realizados na lei de procedemento administrativo, uns cambios que, grosso modo, buscan a eliminación do papel e a implantación dunha administración totalmente electrónica nas relacións entre os cidadáns e as institucións públicas.

Malia que o obxectivo de ditas modificacións é reducir os tempos de tramitación e gañar en axilidade e transparencia, nas súas primeiras semanas de implantación a nova lei está a provocar un caos xeneralizado entre os colectivos afectados, especialmente entre o empresariado que prové a administracións públicas como os concellos.

Ata agora os provedores con facturas inferiores a 5.000 euros podían presentalas en papel nos rexistros de entrada do servizo municipal de Intervención. A raíz dos cambios, excepto no caso dos empresarios físicos, todos teñen que facturar a través da plataforma electrónica do Estado, coñecida como FACe, e realizar os trámites empregando unhas claves propias.

No caso do Concello de Melide, o goberno municipal vén de anunciar que ten a disposición do empresariado e dos provedores locais un técnico que lle explicará a quen o precise como se soben as facturas á plataforma FACe e que axudará no proceso de adaptación á administración electrónica. “Non é unha cuestión que poidamos escoller”, sinalou a alcaldesa, Dalia García,  na radio municipal, “a lei obríganos e nós o que podemos facer é darlle ferramentas á xente para que sexa máis sinxelo adaptarse a este novo sistema”. Esta medida responda á demanda realizada no seu día por Asetem, que solicitou do goberno local información e asesoramento sobre os cambios as súas implicacións.

Outra das consecuencias importantes derivadas da nova lei é que o rexistro do Concello deixará de funcionar os sábados de 11:00 a 13:00, pois ese día xa non é hábil.