A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) poñeralle hoxe o punto final á campaña de Nadal 2016/2017, que se desenvolveu ao longo dos últimos 38 días en 87 establecementos da vila e a través da cal se repartiron 65.000 rifas entre os clientes do comercio local para participar no sorteo de 6.000 euros en premios.
Ao igual que aconteceu nos últimos dous anos, Este Nadal toca en Melide rematará cunha gala aberta ao público que terá como escenario a Casa da Cultura e que dará comezo ás 9 da noite. Durante o transcurso da mesma realizarase o sorteo dos 6.000 euros, repartidos en varios premios de diferente contía. Para iso extraeranse en directo, e ante notario, os sete números premiados e outros sete máis en concepto de reserva.
A maiores sortearanse 250 euros entre as persoas que asistan á gala. A entrada será libre ata completar aforo. O único requisito que se pide para participar neste sorteo é levar rifas que demostren que se mercou no comercio de Melide durante o Nadal. As persoas que as amosen ao chegar á entrada recibirán a cambio un número para optar a ese premio de 250 euros.
Grazas á colaboración do Concello de Melide o sorteo terá como marco unha gala na que non faltarán a música e o humor, ingrediente este último que se encargará de poñer o humorista Víctor Grande, quen actuará como mestre de cerimonias. Curtido nos escenarios, sobre os que leva feito máis dun milleiro de actuacións en clave cómica, Víctor Grande e a súa “guitarra zurda” déronse a coñecer no panorama nacional tralo seu paso polo concurso Tú sí que vales, aínda que o monologuista xa tiña traballado no programa Land Rober da TVG e dirixido unha sección semanal de humor en Radio Coruña Cadena SER. El será tamén o encargado de darlle paso á parte musical da gala, onde cobrará protagonismo Dani Royo & Versións Band, un zaragozano criado en Galicia que acompañado pola súa banda traerá a Melide na noite de hoxe o mellor pop-rok.
Rematada a gala, Asetem fará públicos de inmediato os número premiados a través do seu perfil de Facebook e da páxina web. Ao día seguinte abrirase un prazo de 20 días para que os ganadores presenten os boletos agraciados nas oficinas da patronal. Coa entrega de premios a principios de febreiro darase por concluída unha campaña con récord de participación (87 establecementos fronte aos 83 do ano pasado) e na que se distribuíron entre os clientes 6.000 boletos máis ca na edición anterior.