A Deputación da Coruña acaba de convocar as novas liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) destinadas a incentivar a contratación para a ampliación do cadro de persoal en pequenas e medianas empresas (PEL PEMES) e a fomentar a iniciativa empresarial entre mozos emprendedores (PEL EMPRENDE) da provincia da Coruña, dotadas cun orzamento global de 4,5 millóns de euros.

Ata o día 3 de marzo ás 14.00 horas, os interesados/as poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña (SUBTEL), accesible dende a sede electrónica da institución provincial (sede.dacoruna.gal).

 

PEL PEMES bonifica o 75% das novas contratacións

A liñas PEL PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros, subvencionará durante un período dun ano o 75% dos custes laborais, incluídas as cotas da Seguridade Social, da contratación de novo persoal nas pequenas e medianas empresas que teñen o seu domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

As persoas a contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscritas nos servizos públicos de emprego antes da convocatoria, non ter mantido relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se sitúe, tendo máis puntos os municipios máis pequenos, co obxectivo de axudar á dinamización económica dos concellos rurais.

 

PEL- EMPRENDE, axudas de ata 20.000 euros para impulsar os negocios dos mozos emprendedores

 A liña PEL EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros, está destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados en calquera dos 93 concellos da provincia da Coruña, que promovan iniciativas empresariais de nova creación.

A finalidade destas axudas é apoiar aos mozos emprendedores no impulso á súa idea de negocio a través de subvencións destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e utillaxe de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50%  (20.000 euros) poderá ser subvencionado pola Deputación.

Para a valoración das solicitudes de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores e o sector profesional da mesma, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

Pódese obter máis información na web da Deputación (www.dacoruna.gal) e na web do PEL www.emprego.dacoruna.gal