Fomento, que inviste neste tramo 82 millóns de euros, prevé obrar en todos os tramos entre Lugo e Santiago este 2017, e rematar en 2021

Tras un longo período de espera por fin comezaron os traballos da Autovía A-54, no tramo que vai unir as localidades de Melide e Palas de Rei. Deste Xeito, o Ministerio de Fomento prevé ter en obras no 2017 todos os tramos pendentes da autovía A-54, entre Lugo e Santiago, tras comezar a finais de xullo as actuacións entre estes dous concellos. Unha infraestrutura que, segundo apuntaron, non estará lista polo menos ata o ano 2021.

O Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, anunciou esta previsión logo de manter unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e antes de que ambos se desprazaran ata Melide para comprobar en primeira persoa o arranque dos traballos.

Na súa intervención, De la Serna dixo que o eixo Lugo-Santiago é “de vital importancia” para a vertebración de Galicia, e augurou que ao seu termo haberá un aumento da seguridade viaria e un descenso nos tempos de percorrido. Este novo tramo entre Palas de Rei e Melide disporá de 82 millóns de investimento e está previsto que o seu prazo de execución remate no 2021. Agora queda por licitar o tramo que vai de Melide a Arzúa, actuación prevista tamén para este ano, co obxectivo de “poder adxudicar as obras á volta do verán” e contar así con “todo o traxecto en obras este 2017”. A inversión total dedicada a esta vía rolda os 255 millóns de euros.

A primeira pedra

Durante a súa visita a Melide o ministro de Fomento estivo acompañado polo presidente da Xunta de Galicia e a alcaldesa da vila, Dalia García, entre outros membros da corporación e demais autoridades. No punto no que comezaron as obras procedeuse a un acto simbólico de colocación da primeira pedra deste tramo, que discorre polos termos municipais de Palas, Melide e Santiso e conta cunha lonxitude aproximada de 12 quilómetros.

Íñigo de la Serna destacou na súa intervención que “a nova autovía permitirá mellorar sensiblemente a seguridade viaria da actual N-547, tanto rodada como peonil, onde actualmente hai un importante tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago”.

Pola súa banda, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou ao ministro por “cumprir a súa palabra de acudir cada tres meses a Galicia e celebrou a posta en marcha das obras”. Mentres, a alcaldesa de Melide, Dalia García, alentou a “seguir traballando pola posta en marcha do tramo pendente entre Melide e Arzúa”.

Características técnicas

En canto ás características máis técnicas do tramo Palas-Melide, que ten unha lonxitude de 11,7 quilómetros, este iníciase en Palas conectando co tramo xa en servizo entre Lugo (Nadela) e Palas, continuando a través dos termos municipais de Santiso e Melide. O final do proxecto sitúase ao sur de Melide na intersección entre a estrada N-547 e a AC-840. Atravesa tamén o Lugar de Importancia Comunitaria ‘Serra do Careón’ integrado tanto na Rede Natura 2000 como na rede galega de espazos naturais protexidos. “Por iso, durante a redacción do proxecto coidouse especialmente o cumprimento das prescricións impostas pola Declaración de Impacto Ambiental”, apuntou De la Serna.

A autovía A-54 é dende hai anos unha das infraestruturas máis demandada polos veciños da comarca. A construción na súa totalidade, 101 quillómetros, permitirá achegar o centro da comunidade e reducir os tempos entre a Meseta e Santiago. Coa previsión de todos os tramos en obras, semella unha realidade un pouco máis próxima.

A PLATAFORMA ‘AUTOVÍA POR MELIDE’ TAMÉN INAUGUROU AS OBRAS DA A-54

Pola súa banda, a Plataforma Autovía por Melide organizou un día despois de Fomento un acto simbólico de inauguración ao non recibir invitación algunha ao acto oficial. Varios membros da asociación, que se mobilizaron entre os anos 2003 e 2009 para cambiar o trazado da A-54, celebraron tamén unha cea na que cada un foi relatando as súas vivencias daqueles anos. Anécdotas e experiencias que teñen previsto recoller nun libro contando a historia desta obra. No seu lanzamento, que agardan para o mes de setembro, contan coa edición duns mil exemplares. Co inicio das obras, dende a Plataforma Autovía por Melide amosan agora a súa preocupación “por cando se colocará a última pedra da infraestrutura en vez de a primeira”.