Asetem e a cantante e colaboradora de Land Rober chegan a un acordo para ser imaxe comercial da entidade ao longo de case un ano
Melide, 06 de abril de 2018.- Coa chegada do mes de abril chega tamén unha nova edición da pasarela de primavera-verán Melide Está de Moda; un dos eventos máis fortes e consolidados dentro da programación que organiza a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) ao longo de todo o ano.
Pese a súa xuventude –esta é a cuarta edición–, os esforzos por mellorala ano tras ano están a dar o seu froito, e é que como gran novidade nesta ocasión será a cantante galega e colaboradora do programa da TVG Land Rober, Eva Iglesias, a encargada de conducir o evento. Así, ademais de presentar a pasarela tamén actuará ao longo da mesma en varias ocasións deleitando a todos os presentes coa súa voz.
Imaxe comercial
Ademais de presentar esta edición da pasarela de moda, Asetem chegou a un acordo coa colaboradora do programa estrela da TVG para ser imaxe comercial da entidade ao longo dun ano. Grazas a este acordo, Eva Iglesias reforzará coa sua imaxe o comercio local de Melide ao mesmo tempo que participará en diferentes campañas da asociación de empresarios.
Así, este venres día 6 de abril, Eva Iglesias trasladouse ata as instalacións de Asetem en Melide para oficializar este acordo e presentar a campaña de imaxe comercial. Tanto o presidente de Asetem, como a cantante amosaron a súa “satisfacción” por este compromiso adquirido.
Melide Está de Moda primavera-verán 2018 (Sábado 14 de abril)
En canto ao desfile en si, na cuarta edición da pasarela Melide Está de Moda participarán un total de 15 establecementos, entre asociados e colaboradores, que aproveitarán para subir ao escenario da Casa da Cultura o mellor en moda e complementos para a tempada de primvarera-verán.
As últimas tendencias tanto para os máis cativos como para os adultos serán as protagonistas o vindeiro sábado 14 de abril a partir das 18.00 horas. Para iso, as tendas reuniron a máis de medio cento de modelos afeccionados de todas as idades que serán os encargados de lucir cada prenda en diferentes pases. A entrada ao desfile será gratuíta e ata completar aforo.
Outra das novidades nesta edición de primavera-verán será un photocall instalado na Casa da Cultura para que os establecementos participantes e os seus modelos poidan retratarse coa presentadora da pasarela, Eva Iglesias. Así mesmo, no transcurso do desfile haberá un sorteo dun vale para trocar nun dos comercios asociados, e música e son de ambiente a cargo de Discomóbil A Gramola.
A pasarela Melide Está de Moda está organizada por Asetem en colaboración coa empresa Studio Klec, a Dirección Xeral de Comercio e o Concello de Melide. O obxectivo desta iniciativa é o de dar a coñecer as tendencias en moda para a tempada de primavera-verán ao mesmo tempo que se potencia o comercio local e se dinamiza a vila de Melide.