Din que unha imaxe vale máis que mil palabras e, para mostra, un botón; aínda que máis que un botón, unha galería do que foi a quinta edición da pasarela Melide Está de Moda, outono-inverno, organizada polo Centro Comercial Aberto Asetem.

Pasarela Melide Está de Moda Outono-Inverno 2018 celebrada o 29 de setembro na Casa da Cultura de Melide

Pasarela Melide Está de Moda Outono-Inverno 2018 celebrada o 29 de setembro na Casa da Cultura de Melide

“Quizais participaron menos tendas que noutras edicións, si, pero dende logo a implicación, o esforzo e o traballo das que si acudiron a este desfile ben merece un recoñecemento, ao igual que todos os modelos, colaboradores e organizadores da gala”, sinalou a xerente do CCA-Asetem, Pilar López.

A Casa da Cultura encheuse de novo para presenciar as últimas tendencias do comercio melidense de cara á chegada do frío, e tamén para ver e gozar das interpretacións musicais que realizou a presentadora, Eva Iglesias, quen en todo momento deu mostra unha vez máis da súa afabilidade.

Destacou especialmente ademais nesta edición a posta en escena con vehículos clásicos, así como o peche do desfile cun vestido de noiva deseñado e elaborado pola modista local, María Luisa Pereiro.

Pensando xa na vindeira edición de primavera, a xerente do CCA-Asetem, Pilar López, realizou un balance positivo e afirmou que “trala consolidación dun evento que xa nos caracteriza como asociación, agora enfrontámonos ao reto de superarnos aínda máis en futuras galas”. Na pasarela Melide Está de Moda deste outono-inverno participaron un total de 14 establecementos e máis dun cento de modelos. Así mesmo, sorteáronse varios agasallos entre os asistentes.