A Asociación de Empresarios Terra de Melide e o Banco Sabadell asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de ofrecer aos socios de Asetem, clientes da entidade bancaria, mellores condicións. Entre esas condicións figuran a de Cero Comisións pola administración e mantemento da conta, cero comisións tamén polas transferencias nacionais e a países do Espazo Económico Europeo a través do servizo de tramitación de recibos BS Online, así como polo ingreso de cheques en euros domiciliados en entidades de crédito españolas.
Outra das vantaxes máis destacadas é a de que a todos os asociados a Asetem que teñan domiciliada a cota da asociación no Banco Sabadell devolveráselles a finais de ano o 10% da súa cota de asociado, o que supón o importe de máis dunha mensualidade.
A través da Conta Expansión Negocios PRO, os membros da Asociación de Empresarios Terra de Melide, así como os empregados e familiares dos asociados, tamén contarán con outras vantaxes como unha tarxeta de débito e outra de crédito gratis, a retirada de diñeiro de forma gratuíta nunha ampla rede de caixeiros, financiamento á medida do negocio e o Terminal Punto de Venta (TPV) en condicións preferentes.
Tanto o presidente e a xerente da Asociación de Empresarios Terra de Melide, como os representantes do Banco Sabadell amosáronse satisfeitos coa firma deste convenio que “permitirá aos asociados con contas nesta entidade bancaria dispoñer de certas condicións que revertan no seu beneficio e no dos seus propios negocios”, sinalou o presidente de Asetem, Manuel Vázquez.
Os interesados en coñecer máis detalles sobre este programa e as súas vantaxes poderán solicitar máis información en calquera oficina de Banco Sabadell.