Afrontar unha pandemia como a que estamos a vivir na actualidade obrigou a moitos negocios que aínda non tiñan presenza na Internet a actualizar o seu modelo para poder vender e prestar servizo tamén a través da rede.
Se ben é certo que dende a Asociación de Empresarios Terra de Melide xa se viña traballando meses atrás no lanzamento e promoción da plataforma de venda en liña Zaska!, agora e co obxectivo de proporcionar a todos os socios de Asetem-CCA unha ferramenta máis no seu acceso ao mundo dixital, a patronal está a estudar outra proposta para a dixitalización de todos os comercios e empresas asociadas.
“Con este proxecto, que de momento só estamos valorando –explica Pilar López, xerente de Asetem-CCA– buscamos que todo tipo de comercio que sexa socio de Asetem teña a oportunidade de ter o seu negocio nun subdominio da propia web de Asetem para poder vender on line; con iso conseguiriamos que cada empresa puidese ter a súa propia tenda en liña, pero a través dun modelo común integrado na web da asociación”.
O beneficio desta alternativa radicaría en que “a través dunha única web como a de Asetem, sinxela pero moi potente porque está moi ben posicionada nos buscadores de Internet, os socios terían maior visibilidade e aforrariamos moitísimo diñeiro, pois ten en conta que unha tenda en liña supón normalmente para unha empresa un investimento que anda entre os 500 e os 1.000 euros; sen embargo desta forma, ao estar dentro da páxina web de Asetem aforrarían os gastos de aloxamento web e o custo para os socios sería mínimo, entre os 20 ou 30 euros ao ano máis ou menos”, engade Pilar.
Concienciados coa idea de que o futuro pasa por estar na Internet, e máis ante as condicións sanitarias que vivimos, dende Asetem cren que toda alternativa que se lle poida ofrecer aos socios neste sentido é benvida. “Non se trata de sobrecargalos de traballo, trátase de ofrecer posibilidades, e unha vez que sobes o produto a unha aplicación tamén o podes subir á web –di a xerente–, cantos máis escaparates teñas na rede mellor; iso si, isto non funciona se as ferramentas non se utilizan e se non se soben ou promoven os produtos”.
Asetem en Bandomovil
Por outra banda, Asetem-CCA tamén está barallando a posibilidade de sumar a súa web, ao xornal Cerne e ás redes sociais, unha aplicación da asociación a través de Bandomovil na que as persoas interesadas poidan consultar as novidades, cursos e demais noticias da patronal.